A psiquiatra ferrolá Iria Veiga participa este mércores no ciclo ContandoCiencia
16-05-2022
Sobre a “Adolescencia e saúde mental” falará este mércores ás 19.30 horas na Casa da Cultura de Fene a psiquiatra e divulgadora científica Iria Veiga. A charla forma parte do ciclo Contando Ciencia que organiza a Biblioteca do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino. Esta quinta e penúltima sesión do programa ía ter lugar a pasada semana pero, por motivos alleos á organización, tivo que aprazarse a esta semana. A entrada á conferencia do mércores será libre até completar o aforo.
Iria Veiga (Ferrol, 1981) é médica psiquiatra no Hospital do Barbanza. Mantén o blog O outro lado do espello e participa nas iniciativas divulgadoras Escépticos no Pub e Pint of Science. En 2017 gañou o Premio a artigos xornalísticos normalizadores do Concello de Carballo co artigo Inchazón. En 2018 participou no LGx15 coa intervención Síndrome do Noroeste e en Malas linguas da Deputación da Coruña.
Trala cita deste mes con Iria Veiga, ContandoCiencia concluirá o vindeiro 1 de xuño cunha charla do doutor en Bioloxía e profesor da UDC Xurxo Mariño sobre “Unha mirada á evolución da linguaxe”.