Fene acolle esta fin de semana o Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística
23-05-2022
Ao redor dun milleiro de ximnastas participarán entre o sábado 28 e o domingo 29 de maio no Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística que se desenvolverá no pavillón A Xunqueira de San Valentín. O certame volve a Fene, onde xa se celebrara en 2018, e contará coa participación de ximnastas dos clubs Ximnasia Artística Ferrolterra, Escola Ximnasia Ferrolterra, Tempo, Ximnasia Coruña e BayoSil. A maioría das participantes serán nenas aínda que tamén haberá competición na modalidade de ximnasia artística masculina.
O Campionato Galego Escolar de Ximnasia Artística é unha competición pensada para nenas/os dun nivel inicial na ximnasia. Para moitas/os, de feito, “é a primeira competición no primeiro ano de práctica deste deporte”, segundo explican dende o club anfitrión, o Ximnasia Artística Ferrolterra, O campionato está organizado pola Federación Galega de Ximnasia e o Concello de Fene coa colaboración do Club Ximnasia Artística Ferrolterra e o Club Tempo.
O certame desenvolverase entre o sábado, de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 21.00 horas, e o domingo, de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 19.30 horas. Tanto na modalidade de ximnasia artística feminina como en masculina, haberá catro categorías, segundo as idades das/os participantes: Escolar 1 (6-7 anos), Escolar 2 (8-9 anos), Escolar 3 (10-11 anos) e Escolar 4 (a partir de 12 anos). Ademais, en todas elas, as/os participantes competirán a nivel individual e por equipos (tomando como referencia as cinco mellores notas de cada categoría de cada club). En ximnasia feminina, as nenas relizarán exercizos nos catro aparellos habituais (salto, chan, asimétricas e barra). Na masculina, no canto de seis aparellos, unicamente realizarán exercizos en catro (salto, chan, cabalo con arcos e paralelas).
O Campionato Galego Escolar de XAF e XAM estará aberto ao público, con entrada libre e de balde. De todos os xeitos, tal e como se establece nas bases, durante a competición “o público deberá permanecer sentado na grada habilitada”. Ademais, non estará permitido comer na instalación e aconséllase o uso de máscara “dado que non se poderá garantir en grada a distancia mínima de seguridade interpersoal, concentrando moita poboación durante un longo período de tempo”.