O mércores 1 de xuño abre o prazo de preinscrición para o Verán máis alá! 2022

O mércores 1 de xuño abre o prazo de preinscrición para o Verán máis alá! 2022

As solicitudes presentaranse, preferentemente, por vía telemática e, no caso de facelo presencialmente, haberá que solicitar cita previa

Un ano máis, a Concellería de Cultura pon en marcha o Verán Máis Alá de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2010 e 2018 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 4 ao 29 de xullo en horario de 8:00 a 14:00 h.. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2022) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.

Ao igual que en edicións anteriores, estableceranse dúas quendas, a primeira do 4 ao 15 de xullo e a segunda do 18 ao 29 de xullo, podendo participar os/as rapaces nas dúas ou só nunha. Ademais, novamente, dividirase en dúas franxas horarias: Madrugadores/as, de 08:00 a 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán incorporarse, en frecuencias de media hora, ao longo desta franxa horaria) e Máis alá!, de 10:00 a 14:00 horas (os nenos e as nenas terán que incorporarse ás 10:00 h e saír ás 14:00 h). O número de prazas dispoñibles será de 120, a razón de 60 prazas por quenda.


No Verán máis alá! 2022, os/as rapaces/zas realizarán actividades artísticas e formativas, dende unha perspectiva lúdico-educativa, xogos cooperativos e populares, actividades pre-deportivas e deportivas, actividades acuáticas na Piscina Municipal (só na primeira quincena e durante a primeira semana), así como excursións pola contorna do centro e 1 excursión (na primeira quincena) fóra do noso concello.


Segundo informa o Departamento de Cultura, a preinscrición para o campus realizarase, preferentemente, por vía telemática, a través da sede electrónica (https://sede.fene.gal/) ou do Rexistro Electrónico Común (https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do) desde as 8:00 horas do día 1 de xuño ás 23:00 horas do día 3 de xuño. Excepcionalmente, tamén poderá realizarse presencialmente nestes mesmos días aínda que, para acollerse a esta modalidade, haberá que solicitar cita previa no teléfono 981 340 366.


Nesta primeira fase de preinscrición haberá que presentar a solicitude correspondente (dispoñible na web www.fene.gal) coa autorización expresa para que o Concello comprobe que os/as menores para os que solicita a preinscrición están empadroados en Fene ou estiveron matriculados nun centro de ensino do termo municipal en 2021/2022. Unha vez rematado o prazo de preinscrición, realizarase a avaliación das solicitudes atendento aos criterios familiares e laborais que se estipulan nas bases do programa.


Feita a baremación, o 8 de xuño ás 14:00 h publicarase na páxina web http://www.fene.gal a relación de persoas que obtiveron praza en Verán máis alá! e, xa que logo, poden matricularse nesta actividade. Tamén se publicará o listado das persoas que quedan en lista de agarda.


En canto ao custe da actividade, dende a Concellería de Cultura avanzan que, para o 1º membro da unidade familiar, todo o mes, ascenderá a 68,15€ e, a partir do 2º membro da unidade familiar, a 36,70 €. No caso de escoller a opción dunha quincena, o custe para o 1º membro da unidade familiar será de 34,08 € e, a partir do 2º membro da unidade familiar, 18,35 €. Lembran ademais que, no caso de familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente á actividade nos termos sinalados no artigo 4 da Ordenanza fiscal núm. 2.


Máis información no Departamento de Cultura de Concello de Fene. Tfno.. 981 340 366

Descargas