Fene participa na V edición de Primavera no Camiño Inglés
01-06-2022
A Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso) acollerá este sábado a quinta edición de Primavera no Camiño Inglés, unha iniciativa promovida pola Asociación de Concellos do Camiño Inglés coa colaboración da Deputación da Coruña e o Concello de Oroso coa que se pretende poñer en valor os múltiples atractivos etnográficos, culturais, naturais e gastronómicos desta ruta xacobea. Participarán nesta xornada os 18 municipios polos que discorre o Camiño Inglés: A Coruña, Abegondo, Betanzos, Cabanas, Cambre, Carral, Culleredo, Fene, Ferrol, Mesía, Miño, Narón, Neda, Ordes, Oroso, Paderne, Pontedeume e Santiago de Compostela. E, segundo avanzan dende a organización, ao longo do día haberá actividades gastronómicas e culturais, baile, música, obradoiros gratuítos para nenos e nenas, e mercado de artesanía. O Concello de Fene estará representado nesta V Primavera no Camiño Inglés cun stand no que se achegará información turística aos visitantes. Ademais, ás 11.30 horas, está prevista unha actuación da Banda Xuvenil de Airiños de Fene.
Todas as actividades da Primavera no Camiño Inglés serán de participación gratuíta, se ben o número de prazas é limitado. Entre as 11:00 e as 22:00 horas, a Alameda de Góis de Sigüeiro (Oroso) acollerá os postos dos 18 municipios polos que discorre esta ruta xacobea.
Escenario Primavera
No Escenario Primavera, as actividades darán comezo ás 10:45 cos pasacalles dos grupos folclóricos “Lembranzas do Tambre” e “Buxos Verdes”, ambos os dous de Oroso. Ás 11:30 horas actuará a Banda Xuvenil Airiños de Fene e ás 12.00 horas porase en escena un espectáculo de maxia organizado polo Concello de Santiago de Compostela. Ás 12.30 horas está programada a inauguración institucional de Primavera no Camiño Inglés. Xa pola tarde, ás 17:00 horas a Asociación de Concellos do Camiño Inglés presentará as súas dúas próximas iniciativas: a segunda edición do Concurso de Fotografía Dixital “Camiño Inglés” e a primeira Media Maratón e 10k do Camiño Inglés, que terá lugar o próximo mes de xullo. Ás 17:15 horas, o grupo de música e baile Tradicional Xacarandaina (A Coruña) porá en escena o seu novo espectáculo “Endaterra”, que pon en valor a variante do Camiño Inglés que entra polo porto da Coruña ata Compostela. Estarán acompañados por “Os do fondo da barra”, grupo de cantareiros de Xacarandaina. Ás 18:30 horas, nova actuación promovida polo Concello de Oroso co grupo folclórico “Argalleira”, mentres que o concerto da banda de música de Arzúa, ás 21:00 horas, encargarase de pechar esta edición de Primavera no Camiño.
Espazo Lúdico Primavera
Nesta mesma carpa emprazarase o Espazo Lúdico Primavera, onde se concentrarán os distintos obradoiros infantís, así como a elaboración dun graffiti sobre o Camiño Inglés da man da ilustradora de murais Nana, do Concello de Ordes, que repite experiencia tras o éxito acadado o ano pasado en Ferrol. Tamén repite o obradoiro infantil de barro de Brañas de Valga do Concello de Mesía, que entre as 11:30 e as 13:30 horas desenvolverán os artesáns Antón Román e Susana González e que permitirá que a rapazada leve para casa algunha que outra creación da súa propia man. No mesmo horario, o Concello de Cabanas ofrece unha exhibición das súas fiandeiras. Pola tarde, entre as 17:00 e as 19:00 horas haberá tres obradoiros: un de creación de chapas, cortesía do Concello de Culleredo; un segundo de elaboración de Pan, da man do Concello de Neda; e un terceiro de elaboración de barcos de papel do Concello de Ferrol, como parte da iniciativa “Ferrol destino patrimonio mundial”, que busca que a cidade departamental sexa recoñecida pola Unesco. Finalmente, o Concello de Pontedeume ofrecerá varios pases das visitas coa Serena, unha forma de dar a coñecer as noites da vila dos Andrade.
Escenario Rede Stelar
O Escenario Rede Estelar acollerá as degustacións e exhibicións gastronómicas, así como o mercado artesanal, entre as 11:30 e as 20:00 horas. O programa abrirase ás 11:30 horas cun obradoiro de xabóns de arxila de Brañas de Valga, a cargo da artesá Claudia Moar, promovido polo Concello de Mesía. Entre as 12:00 e as 14:00 horas terán lugar as dúas primeiras degustacións de produtos típicos: tortilla de Betanzos con Pan de Neda e Troitas de Oroso con Pan de Carral. Paralelamente, ás 12:30 horas o cociñeiro Daniel López, do restaurante “O Camiño do Inglés”, representará ao Concello de Ferrol cun showcooking sobre a dieta Ártabra. Ás 13:00 horas, cata comentada da Indicación Xeográfica Protexida de Betanzos, viños certificados da marca da Reserva da Biosfera das Mariñas Coruñesas. Ás 13:30 horas, degustación do bolo mariñeiro do Concello de Miño, recheo de queixo e marisco; e showcooking de marisco a cargo do Concello de Pontedeume. Ademais de participaren nas degustacións e nos showcookings, as persoas que asistan poderán acceder a un gastrobar cunha oferta gastronómica de produtos de proximidade dos 18 municipios que conforman o Camiño Inglés. Xa pola tarde, están previstas dúas novas degustacións: de sobremesas do Concello de Oroso (ás 16:30 horas) e de Troitas de Oroso con Pan de Carral (de 19:00 a 20:00 horas). Así mesmo, contarase cun concerto de Arnela, do Concello de Carral (18:00 horas), e a actuación das Cantareiras de Oroso (19:00 horas).