Poderán reservar praza as persoas matriculadas no mes de xuño e que non teñan cotas pendentes de pagamento
O mércores 8 de xuño abre o prazo de reserva de prazas para as escolas deportivas da piscina, pavillóns, kárate e judo
03-06-2022
Xa se pode solicitar cita previa para tramitar, a partir do vindeiro mércores no pavillón de San Valentín, a reserva de prazas para as escolas deportivas municipais do Concello de Fene. O prazo, para o alumnado matriculado no mes de xuño, prolongarase do 8 de xuño ao 6 de xullo, atendendo ao seguinte calendario: do 8 ao 21 de xuño realizarase a reserva para usuarios/as empadroados ou escolarizados en Fene; e, do 22 de xuño ao 6 de xullo, farase para o alumnado de fóra de Fene. Para solicitar cita previa, cómpre chamar ao teléfono 981 492 804 ou ao 607 626 812, de luns a venres de 9.00 a 14.00 h., ou ao teléfono 981 340936, en horario de 16.00 a 21.00 horas.
Dispoñer de carné de usuario/a da instalación e estar matriculado/a no mes de xuño (sempre que non se teñan cotas pendentes de pagamento deste curso ou de cursos anteriores). Son os principais requisitos que a Concellería de Deportes establece para poder realizar a reserva de prazas tanto para as escolas deportivas da piscina e pavillóns como para o ximnasio da Casa da Cultura (kárate e judo). Ademais, no momento da preinscrición, as persoas que desexen domiciliar o pagamento trimestral, deberán achegar un recibo do banco co IBAN e os 20 díxitos na conta.
NORMATIVA XERAL DE MATRICULACIÓN
Todo o alumnado matriculado no mes de xuño poderá facer a reserva de praza na escola na que estaba matriculado no mesmo grupo e no mesmo horario no que estiveron durate o presente curso, agás aqueles que por idade ou por nivel cambien de grupo, neste caso terá que escoller novo horario.
As persoas que o desexen poderán facer a reserva de tódolas persoas integrantes da súa unidade familiar (sempre que sexan alumnado de escolas deportivas durante o mes de xuño) e de dúas persoas alleas á mesma (sempre e cando estas dúas persoas non vaian a domiciliar o pagamento, xa que para domiciliar é preciso que asine o titular da conta).
Finalizado o prazo de reservas se non se formalizou a dita reseva, esas prazas quedarán libres para cambios solicitados no período de reserva, ou para novas altas no perÍodo de matriculación no mes de setembro.
PAGAMENTO DE COTAS
RENOVACIÓN MENSUAL: Os/as usuarios/as que opten por esta modalidade de pagamento terán que pagar a cota correspondente ao mes de outubro do 13 ao 26 de setembro. Deberán retirar o recibo no pavillón de A Xunqueira nas ditas datas.
DOMICILIACIÓN BANCARIA: Para domiciliar o pagamento, que será trimestral, haberá que cubrir a orde de domiciliación bancaria, o que implicará a matriculación na actividade para o curso 22/23. No caso de tramitar a baixa terán que facelo antes do comezo do curso, o 1 de outubro.