Exposición de fotografía submarina no pavillón da Xunqueira
04-06-2022
“Unha ollada ás profundidades”, é o título da exposición de Fotosub que se amosa dende hoxe no pavillón da Xunqueira, en San Valentín. A mostra, na que se poden “ver e admirar especies atutóctonas das nosas rías”, recolle unha colección de fotografías realizadas en distintos puntos da xeografía galega por fotógrafos pertencentes á Federación Galega de actividades subacuáticas.
En “Unha ollada ás profundidades” amósanse “especies que a simple vista case non son perceptibles cando nos mergullamos, como os nudibranquios, as cipreas ou as corinácticas”. Noutras, saliéntanse detalles dalgunhas especies comúns como as raias, os chocos, os sargos, os peixes escorpións, os gobios, as momas, etc. Tamén hai fotografías que, sen ser macro, realzan a magnitude do conxunto do noso patrimonio sumerxido e outras, máis xerais, que reflicten “o que podemos ver durante as inmersións na nosa xeografía galega”.
A exposición poderá visitarse até o vindeiro 30 de xuño no pavillón da Xunqueira en horario: de luns a venres, de 9.00 a 13.00 e de 17.00 a 20.00 horas, e os sábado e domingos nos horarios de competición e exhibicións.
Organiza: Concello de Fene, Club de actividades subacuáticas Nautilus e Federación Galega de actividades subacuáticas.