Deporte na rúa, submarinismo, caiac, paddle-Surf, ximnasia de mantemento e o campamento no CMI Unidade de Fene engádense á oferta lúdica municipal para o verán
10-06-2022
O Concello de Fene desenvolverá ao longo dos meses de xullo e agosto o campus lingüístico e de conciliación "Verán máis alá", que ten aberto estes días o prazo de matriculación. Porén, a maiores destas actividades para rapazada de 3 a 12 anos, o consistorio tamén ten preparadas outras propostas dirixidas tanto a nenas e nenos como a mocidade e persoas adultas. Así, o próximo 3 de xullo volve o Día do Deporte na Rúa e desde principios de mes e ata mediados de agosto poderemos gozar das augas de Almieiras navegando en caiac ou practicando paddle surf. A auga terá un protagonismo especial nas propostas municipais de lecer, xa que o domingo 26 de xuño celebrarase unha proba do circuito galego de fotografía subacuática e tan só uns días despois, o sábado 9 e o domingo 10 de xullo, organízanse dúas sesións de iniciación ao submarinismo para rapazada e persoas adultas. Durante os dous meses centrais do verán tamén teremos ximnasia de mantemento ao aire libre no paseo marítimo de San Valentín e o Concello e o CMI Unidade de Fene volven colaborar levando adiante nos primeiros días de agosto o campamento lúdico e deportivo, que terá lugar nas instalacións da entidade ofertando 40 prazas. Para anotarse nestas actividades -agás para a ximnasia, que non o require e será de balde- hai que pasar polo Departamento de Deportes entre o 13 de xuño e o 6 de xullo.
Seguindo a orde cronolóxica, a proposta que comezará en primeiro lugar é a de Ximnasia de mantemento ao aire libre, coa que a área de Cultura e Deportes convida á veciñanza de calquera idade a facer exercicios suaves cos que tonificar o corpo e mellorar, entre outras, a coordinación, a resistencia, a forza e a flexibilidade.
As sesións desenvolveranse na parte traseira do Pavillón da Xunqueira (San Valentín) do 1 de xullo ao 31 de agosto os luns, mércores e venres laborables de 09.30 a 10.30h. Son totalmente gratuítas e non se requirirá inscrición previa. Abondará con estar no lugar antes do comezo e levar roupa e calzado axeitados para un exercicio moderado que se trasladaría ao interior do pavillón no caso de que chovese.
En relación co deporte ao aire libre, o Concello tamén recupera este ano o Día do Deporte na Rúa, que se estenderá pola avenida de Tarrío, a Rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío na mañá do domingo 3 de xullo entre as 10:30 e as 14:00h. Haberá coches de pedais, inchables, xogos tradicionais, zumba, pilates, volei, fútbol, baloncesto, malabares... e múltiples obradoiros para toda a familia, entre eles un dirixido por Xaquín Marín.
Iniciación ao mergullo
A seguinte actividade deportiva -continuando a orde cronolóxica- lévanos á piscina municipal de Centieiras na fin de semana do 9 e 10 de xullo. Alí organízanse dúas actividades de iniciación ao mergullo dirixidas a rapazada e persoas adultas. A primeira, o sábado 9 de 17 a 18:00h., é gratuíta e oferta 12 prazas para nenas e nenos de 10 a 14 anos.
O cursiño acelerado para maiores de 14 anos -sen límite de idade- repartiranse entre a tarde do sábado 9, de 18:00 a 20:00h, en Centieiras e a mañá do domingo 10 de xullo -10 a 13:00h- na praia de Chanteiro. O prezo neste caso son 6,25€ e tamén se ofertan 12 prazas.
As inscricións deben facerse no departamento de Deportes entre o 13 de xuño e o 6 de xullo. O único material que fai falla levar é o bañador, gorro, chanclas e unha camiseta para poñer por debaixo do neopreno que nos facilitará o Club de Actividades Subacuáticas Nautilus, encargado da actividade.
En relación co submarinismo deportivo cómpre recordar que o Concello de Fene, o CAS Nautilus e a Federación Galega -con colaboración do CMI Unidade e da Unidade de Buceo da Armada- organizan o próximo 26 de xuño o Campionato de Fotografía Submarina Concello de Fene, puntuable para o circuito galego desta disciplina. A saída está prevista ás 9:30h do peirao de Barallobre e efectuaranse dúas inmersións, unha de 10 a 11:30 e outra de 12 a 13:30h. As inscricións, só para buceadoras e buceadores federados, hai que facelas ata o 19 de xuño a través do correo fegas@fegas.es ou en imagen@fegas.es.
As persoas participantes tentarán captar as mellores imaxes do fondo da ría, ofrecendo instantáneas tan espectaculares como as que compoñen a exposición "Ollada ás profundidades" que pode visitarse ata o 30 de xuño no pavillón da Xunqueira en horario de 9 a 13:00h e de 17 a 20:00h de luns a venres, así como durante as competicións deportivas das fins de semana. A mostra itinerante chega a Fene coa colaboración do CAS Nautilus e da Federación Galega de Actividades Subacuáticas.
Caiac e paddle surf en Almieiras
E, sen saír da auga, toca falar de caiac e paddle surf, dous dos deportes que máis medraron nos últimos tempos ao abeiro da nosa ría. O Concello -en colaboración neste caso co Mesón O Emigrante- lévanos até a praia de Almieiras (Limodre), punto de referencia para iniciarse nestas dúas disciplinas desde o 11 de xullo ao 19 de agosto en horario de 11 a 13:00h.
A actividade repartirase en dúas quendas: unha os luns e mércores e outra os martes e xoves, con 18 prazas dispoñibles en cada unha delas. Poderá participar calquera persoa nacida en 2014 ou antes dese ano, sempre e cando saiba nadar.
A cota de inscrición é de 23,25 euros -18,6€ a partir do segundo membro da unidade familiar para persoas empadroadas en Fene- e o prazo para anotarse presencialmente estará aberto do 13 de xuño ao 6 de xullo en horario de mañá no departamento de Cultura e Deportes (Avda. Naturais 44 entresollado).
O día que toque empezar haberá que reunirse no aparcadoiro do Mesón O Emigrante. O material necesario -caiac, casco, táboa, remos e salvavidas- facilítao a organización, de modo que as persoas participantes só terán que preocuparse de levar chanclas pechadas ou escarpíns, bañador, toalla e unha camiseta de recambio que se poida mollar (licra, neopreno ou algodón).
Campamento lúdico e deportivo no CMI Unidade de Fene
A última proposta relacionada co exercicio físico e o lecer é o campamento lúdico e deportivo promovido polo Concello en colaboración co Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene. Trátase dunha iniciativa inclusiva para nenas e nenos nados entre os anos 2010 e 2017 que terá lugar nas instalacións da entidade de luns a venres entre o 1 e o 12 de agosto, ambos días incluídos, en horario de 10 a 14.00h. O penúltimo día do campamento a rapazada terá a opción de facer noite con cea e velada de xogos, ademais do almorzo da mañá do 12.
A cativería brincará e aprenderá a través dunha chea de xogos que aproveitarán todas as posibilidades que ofrecen tanto a piscina como outros espazos do CMI. Haberá 40 prazas dispoñibles e as inscricións presenciais deberán formalizarse entre o 13 de xuño e o 22 de xullo nas oficinas de Cultura e Deportes.
A cota do campamento son 28,20 euros -22,56 a partir do segundo membro para familias empadroadas en Fene- e desde o departamento municipal indican que cada persoa poderá apuntar presencialmente aos membros da súa unidade familiar e a outra persoa máis.