Clausura do programa Tardes Compartidas nas sociedades de Fene
15-06-2022
Coincidindo coa fin do curso escolar, a Concellería de Benestar Social e Igualdade pecha estes días en distintas entidades veciñais e culturais do concello unha nova edición das "Tardes Compartidas", programa no que se incluíron dous obradoiros encamiñados a acadar un envellecemento activo.
Dende principios do pasado mes de novembro, a AVV Limodre e o CPS de San Valentín acolleron o obradoiro "+ memoria" co obxectivo de "previr o deterioro cognitivo a través de exercicios eminentemente prácticos, favorecendo a autonomía persoal". Pola súa parte, na SCRD Agarimo, na Liga de Amigos de Barallobre, no CCRD Perlío e na AVV San Xurxo de Magalofes desenvolveuse a actividade "Recordando o noso" na que se traballaron "as diferentes funcións cognitivas dende unha perspectiva máis dinámica, aportando vivencias. O obxectivo principal era facer unha recuperación da historia da parroquia ou outras temáticas que elixiron as persoas participantes en cada grupo"
Con este proxecto ofertáronse actividades e experiencias para as persoas que se atopan na madurez co fin de que poidan gozar dun tempo de lecer activo e satisfactorio, contribuíndo a mellorar a imaxe social das persoas maiores e a proporcionar ás persoas adultas claves e oportunidades para acadar un envellecemento activo e satisfactorio.
Ao longo deste curso participaron un total de 57 persoas, dende os meses de novembro ate mediados de xuño, contabilizándose un total de 240 horas.
A mediados de setembro próximo, a Concellería de Benestar Social presentará unha nova oferta de obradoiros, a partir das demandas realizadas polas persoas participantes.