XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé

O prazo de presentación de orixinais concluirá o 16 de setembro de 2022

O Círculo Mercantil e Industrial Unidade de Fene convoca, coa colaboración do Concello de Fene, a XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé. O certame, que naceu para homenaxear a quen fora un dos seus máis renomeados socios, ten como obxectivo premiar un libro de autor inédito en lingua galega, promovendo así a inclusión de novas voces no sistema literario galego.

As persoas que desexen participar no certame deberán presentar, antes da medianoite do vindeiro 16 de setembro, un libro de poesía en lingua galega cunha extensión mínima recomendada de 300 versos.

A escolla ortográfica dos libros presentados non será obxecto de valoración por parte do xurado.
Ademais, é requisito para participar non ter publicado ningún libro individual de poesía. Porén, admitiranse traballos presentados por persoas que publicasen previamente algún libro en edición de autor.


Os textos enviaranse por correo electrónico en formato PDF ao enderezo correo@paralle.org, incluíndo na mensaxe dous arquivos: un titulado “obra” e outro, “plica”. O arquivo denominado “obra” non incluirá ningunha referencia ao autor ou autora da mesma. No outro, indicarase a información seguinte: o título do libro, nome completo do autor ou autora, DNI ou pasaporte, enderezo e datos de contacto (teléfono e enderezo electrónico). No caso da publicación previa dun libro individual, deixarase constancia na plica do título da obra, ano de publicación e, no caso de telo, ISBN.

O xurado -composto por tres persoas de recoñecida traxectoria no ámbito da escrita literaria, da edición, da crítica ou do xornalismo cultural- escollerá de entre os traballos presentados un único libro.

O premio consistirá na edición do volume (600 exemplares) na Colección de Poesía Espiral Maior no máis breve prazo posíbel. Terá tamén unha gratificación económica de 3000 € (suxeitos ás retencións impositivas que marca a lei).

A entrega do premio terá lugar en novembro de 2022 nas instalacións do Círculo Mercantil e Industrial- Unidade en Fene.

Máis información e bases completas na web do certame www.paralle.org ou neste web.

Descargas