Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na rúa

Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na rúa

Logo de dous anos de paréntese por mor da pandemia, a Concellería de Deportes de Fene retoma este domingo, 3 de xullo, o seu Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.00 a 14.00 horas na avenida do Tarrío (xunto ao Centro de Saúde de Fene), rúa San Salvador e pistas polideportivas do CCRD de Perlío. En caso de choiva, a actividade trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín. Para facilitar a montaxe e o desenvolvemento das actividades organizadas no marco deste novo Día do Deporte na Rúa, o domingo 3 de xullo estará prohibido circular e estacionar, dende as 7.00 ás 15.30 horas, pola Avda do Tarrío, rúa San Salvador e aparcadoiros do Eroski.

Tirolina xigante, judo, taekwondo, karate, defensa persoal, tiro con arco, karts a pedal, pilates, hockei, malabares, orientación, elaboración de chapas do Día do Deporte na Rúa, voleibol, baloncesto, decora a túa camiseta do Deporte na Rúa, inchables para saltar e de obstáculos, tobogán xigante inchable, pista americana inchable e esgrima de foam. Son algunhas das propostas que o Concello de Fene anuncia para este domingo, no marco do XXVIII Día do Deporte na Rúa.

Segundo avanzan dende a Concellería de Deportes, a tirolina xigante -que se vai instalar entre o Centro de Saúde e o Eroski de Perlío- funcionará de balde o venres 1 de xullo (de 18.00 a 21.00 horas), o sábado 2 de xullo (de 18.00 a 21.00 horas) e o domingo 3 (de 10.00 a 14.00 horas e de 18.00 a 21.00 horas). A idade mínima de participación nesta atracción son 5 anos e o peso máximo, 80 kg.

Coma en edicións anteriores, as persoas que participen en tres actividades, recibirán unha camiseta conmemorativa do Día do Deporte na Rúa (até esgotar existencias) con deseño do humorista gráfico fenés Xaquín Marín.

ORGANIZA: Concello de Fene (Concellería de Deportes)

COLABORAN: CCRD de Perlío, Escudería Scratch Fene, Amigos da Chave de Ferrolterra, Colexio Jorge Juan, Club de Atletismo Fene, Familia Bértoa Puente, Club Artes Marciais Fene, Escuela de Artes Marciales e de Deportes de Contacto Kang, C.D. Aldebarán, Cultural Maniños S.D., Escola de Tenis Justo al Revés, Ximnasio Fitness Fene, Carmen Silvar Quiromasaxista e Pilates e Eroski. 

Descargas