Fene acolle o venres 23 de setembro un obradoiro de debuxo urbano
13-09-2022
Dirixido a mozos/as de 14 a 20 anos, trátase dun taller co que se pretende sensibilizar á xuventude sobre a emerxencia climática e a necesidade de protección cara o medioambiente a través do debuxo. Para iso, ensinaranse as técnicas básicas para o debuxo de campo e o traballo ao natural. O curso, organizado polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade coa colaboración da Concellería de Servizos Sociais de Fene, será apto para todos os niveis, incluído o de iniciación. Ao fronte da actividade, que terá lugar este venres, de 16.30 a 20.30 no barrio de San Valentín, estará un mestre da Escola Profesional de Banda Deseñada “O Garaxe Hermético”, de Pontevedra. As persoas que desexen anotarse deberán enviar por correo a servizos.sociais@fene.gal a ficha de inscrición cuberta. As prazas son limitadas (15) e cubriranse por rigorosa orde de inscrición.
O obradoiro de debuxo urbano encádrase no proxecto europeo ‘People and Planet’ cuxo obxectivo é empoderar e mobilizar á xente nova na loita contra o cambio climático, ligando cuestións locais con problemáticas globais que teñen impacto na vida das persoas en calquera lugar do mundo. As obras que realicen os/as participantes terán unha vida posterior tanto online como offline. Por unha parte, exporanse fisicamente nun espazo facilitado polo concello, complementándoas do xeito que sexa necesario para espallar a sensibilización. Doutra banda, dixitalizaranse para difundir a través da páxina web do proxecto, redes sociais, etc. a xeito de exposición virtual. Ademais, da actividade xurdirá un “tool kit” que permitirá replicala noutros lugares.
#PeopleAndPlanet