A conferencia do enxeñeiro naval e oceánico Raúl Villa Caro abre a segunda edición do ciclo Contandociencia
15-09-2022
Volve o ciclo Contandociencia
Organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino do Concello de Fene, volve Contandociencia, un programa que botou andar o curso pasado e que retoma a súa actividade co obxectivo de achegar a ciencia á poboación en xeral. Aberto ao público en xeral, todas as conferencias terán lugar na Casa da Cultura, un xoves ao mes (agás en xaneiro e maio que serán un martes) e sempre ás 19:30 con entrada gratuíta.
O ciclo principiará o vindeiro xoves 22 de setembro co relatorio “A tecnoloxía na botadura: 50 anos do Arteaga” que correrá a cargo do enxeñeiro naval e oceánico Raúl Villa Caro. Licenciado en Mariña Civil (sección náutica) pola Universidade do País Vasco, capitán da mariña mercante, enxeñeiro técnico naval, enxeñeiro naval e oceánico, doutor en enxeñería naval e oceánica, Raúl Villa Caro é profesor asociado da Universidade da Coruña e imparte docencia na Escola Politécnica Superior e na Facultade de Ciencias do Traballo. A maiores da súa actividade docente e investigadora, reflectida en 150 publicacións repartidas entre libros, artigos en revistas científicas e relatorios en congresos, exerce a súa actividade profesional na Ingeniería de Construcciones de Buques (Arsenal de Ferrol) como xefe de enxeñería de plataforma.