Fene acolle este domingo a VIII Ruta BTT Sendeiros de Fene
22-09-2022
O Club BTT Fene organiza, coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene, unha nova edición da Ruta BTT Sendeiros de Fene. Trátase dunha marcha cicloturista federada non competitiva, cunha lonxitude duns 45 kilómetros repartidos entre os concellos de Fene, Cabanas e Neda. A saída está prevista o domingo 25 de setembro ás 9.30 horas do Pavillón Municipal A Xunqueira de San Valentín e a chegada -ao mesmo punto- prevese ao redor das 14.30 horas. Segundo os organizadores, a participación estimada ronda as 200 persoas.
A ruta desenvolverase fundamentalmente por terreos forestais e zonas de influencia forestal, por sendeiros, por camiños e por algunha vía sen denominación na cartografía do IGN de titularidade municipal. Ademais, ao paso polo Monte Veciñal en Man Común de Marraxón, Fene, atravesará solo rústico de protección arqueolóxica, perto de varios xacementos. Neste senso, a organización “comprométese e responsabilízase da protección e limpeza do entorno e, como promotora, asume o mantemento da restauración dos posibles danos e da responsabilidade civil”.
Os/as participantes desta VIII Ruta BTT Sendeiros de Fene terán a posibilidade de escoller entre dous itinerarios posibles, un longo e outro máis curto, en función da súa dispoñibilidade e resistencia. Ademais, ao longo do percorrido, atoparán puntos de avituallamento ao paso por Vilar do Colo e San Marcos. E, ao remate, de volta en San Valentín, disporán de bebida e comida.
Para os preparativos da marcha, o Concello de Fene tamén colaborou co Club BTT coa limpeza dos sendeiros e camiños incluídos na ruta. Pola súa banda o club fenés, encargouse da construción dunha nova ponte de madeira para atravesar un regato na zona do Rego da Moa (instalación que non se retirará ao finalizar a proba, podendo ser aproveitada a partir de agora por ciclistas ou sendeiristas que se acheguen á zona).