A Casa da Cultura acolle a presentación do libro “10 de marzo: un conflicto del movimiento obrero por la democracia”
26-09-2022
O acto principiará coa intervención do alcalde de Fene, Juventino Trigo Rey, quen dará paso á proxección do documental “10 de Marzo” con guión e dirección a cargo de Beatriz del Monte. De seguido, o xornalista Nico Vidal, conducirá un faladoiro baixo o título “10 de Marzo do 72. Presente e futuro” que contará coa participación de Rafael Pillado, cofundador das CCOO e do Partido Comunista de Galicia e Sari Alabau, profesora, militante do PCG e presidenta de Asfedro.
O evento enmarcase nos actos conmemorativos dos 50 anos das protestas e movilizacións obreiras que nesa data na cidade de Ferrol desembocaron, froito da represión, no asasinato dos traballadores Amador Rey e Daniel Niebla, máis de corenta feridos de bala e numerosas persoas detidas entre as que se encontraban, entre moitas outras, os dirixentes sindicais Rafael Pillado, José María Riobó, Manuel Amor Deus, Alfonso Tellado ou o profesor Francisco Rodríguez.
Actos conmemorativos que principiaron o pasado mes de agosto en San Valentín coa inauguración da exposición “Rostros da Memoria” e cos que o Concello de Fene quere contribuír a render homenaxe a todas aquelas persoas que tanto contribuíron á recuperación das liberdades e da democracia.
O Concello de Fene quere agradecer o labor das entidades organizadoras do acto e o seu traballo a prol da recuperación da memoria histórica.