Afal e o Concello de Fene organizan o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias” para familias e persoas coidadoras

Co apoio da Mancomunidade, celebrarase na Casa da Cultura Os días 5 e 7 de outubro, con inscrición previa no centro municiapal de Servizos Sociais

Afal e o Concello de Fene organizan o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias” para familias e persoas coidadoras

O Concello de Fene dende a Área de Benestar e Igualdade acollerá os días 5 e 7 de outubro o curso “Atención Especializada en Alzhéimer e Demencias”, dirixido a familias e coidadores/as de persoas afectadas de deterioro cognitivo e dependentes en xeral. O curso está impartido por persoal técnico de Afal Ferrolterra e vaise desenvolver na Casa da Cultura de Fene, nos días sinalados, de 16:30 a 18:00 horas. A participación é gratuíta, con inscrición previa no departamento municipal de Servizos Sociais -981 342607/ 981 49 27 06 ou correo servizos.sociais@fene.gal. Actividade aberta a toda a poboación. 

Esta acción formativa é posible grazas ó acordo de colaboración asinado entre a Mancomunidade de Concellos da Comarca de Ferrol e Afal, e o apoio do Concello de Fene.

Na primeira das sesións previstas en Fene, abordarase a sintomatoloxía e os sinais que poden anticipar un deterioro cognitivo; describirase como adoitan cursar as demencias centrándose principalmente nas distintas fases do alzhéimer e nas alteracións de comportamento, ademais de realizarse un repaso ás terapias non farmacolóxicas que poden retrasar a súa evolución.

Na segunda sesión tratarase dun xeito moi práctico as mobilizacións e transferencias da persoa dependente, as mellores posturas para previr problemas circulatorios e cutáneos derivados do encamado/a e os materiais existentes para previr esa problemática. Tamén se abordarán as técnicas para mover, cambiar de lugar e sentar á persoa enferma de maneira que non haxa ningún tipo de lesión nin no/a enfermo/a nin no/a coidador/a.

Para calquera información dirixirse a: CENTRO MUNICIPAL DE SERVIZOS SOCIAIS - CONCELLARÍA DE BENESTAR SOCIAL E IGUALDADE (Avda.do Mar, Bloque 1, Baixo - San Valentín)