A segunda “Andaina por Fene” percorrerá este domingo a parroquia de Limodre
27-09-2022
Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Limodre que organizan a Concellería de Deportes e a AVV Limodre para este domingo, 2 de outubro, a partir das 10.00 horas. A andaina comezará no local da entidade e percorrerá o Campanario, Prismos, Marco de San Lourenzo, Río Castro, Muíño das Mareas, Almieiras, Rachabordos e Río Sandeu, para voltar ao punto de saída tras percorrer uns 8 quilómetros de dificultade media e cunha duración aproximada de 3 horas. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres ás 13.00 horas) nos teléfonos 696 633 772 – 651 884 692, ou por correo electrónico en asocveclimodre@gmail.com
Esta ruta por Limodre encádrase no programa “Andainas por Fene” que organiza o Concello coa colaboración de distintas entidades veciñais ou culturais do termo municipal. Trátase de saídas de distintas distancias que se completarán en aproximadamente dúas horas de percorrido, pensadas para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que irá comentando o que se vaia vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
Trala saída desta fin de semana, a seguinte andaina por Fene será o venres 7 de outubro en Maniños, coa colaboración coa SCRD O Pote.