As Andainas por Fene percorrerán Maniños o venres 7 de outubro
30-09-2022
Xa está aberto o prazo para apuntarse na ruta por Maniños que organizan a Concellería de Deportes e a SCRD O Pote para o venres, 7 de outubro, a partir das 17.30 horas. A andaina comezará no local da entidade e percorrerá O Conde, Boado, O Seixo, Peirao do Seixo e a praia de Maniños, para voltar ao punto de saída tras percorrer uns 6 quilómetros de dificultade media e cunha duración aproximada de dúas horas e media. A participación é de balde, pero cómpre anotarse (antes do venres 7 de outubro ás 13.30 horas) no teléfono 609 435 941.
Esta ruta por Maniños encádrase no programa “Andainas por Fene” que organiza o Concello coa colaboración de distintas entidades veciñais ou culturais do termo municipal. Trátase de saídas de distintas distancias que se completan en aproximadamente dúas horas de percorrido, pensadas para recrearse no patrimonio material e inmaterial e na natureza de cada zona, contando sempre como guía cunha persoa de cada parroquia que vai comentando o que se vai vendo a cada paso. Ademais de promover hábitos de vida saudables, os itinerarios tamén teñen como obxectivo fomentar o coñecemento do concello por parte da veciñanza -e tamén das persoas de fóra que queiran sumarse-, así como reforzar os vínculos entre as entidades por medio dun programa de lecer compartido.
Trala saída do vindeiro venres, a seguinte andaina por Fene será o sábado 22 de outubro en Magalofes, coa colaboración da AVV San Xurxo de Magalofes.