A Biblioteca Municipal Pérez Parallé trae este xoves a Fene ao Mago Teto
03-10-2022
Un dos magos máis veteranos e sobranceiros da escena galega, o Mago Teto, actúa este xoves, 6 de outubro, na biblioteca municipal de Fene. Presentará o espectáculo “4500 anos da incrible historia da maxia” co que pretende “espertar o interese pola arte da maxia na xente, e nas persoas que xa son afeccionadas á maxia, achegándoas á historia de tan apaixonante e sorprendente mundo”. A función comezará o xoves ás 18 horas pero, para asistir, cómpre reservar praza previamente na biblioteca, presencialmente ou por teléfono no 981 34 23 02. Horario: de 16.00 a 21.00 horas.
En “4500 anos da incrible historia da maxia” do Mago Teto, “as fantásticas e sorprendentes historias da maxia, irán acompañadas, ás veces coa realización de xogos de magos doutros tempos, e noutras ocasións coa explicación dalgún xogo de maxia”. O espectáculo vai dirixido a nenos/as a partir dos 5 anos e ao público en xeral.
Habitual na televisión desde os seus comezos, o Mago Teto goza de gran popularidade e recoñecemento polos seus espectáculos de rúa (O Afiador), de gran formato para teatros (A Maxia da Santa Compaña) e todoterreos como o seus clásicos ʻTolemaxiasʼ e “Perto de Ti”.
Coorganizador de festivais de maxia en diversos puntos da xeografia española, Teto é un dos perfís máis completos e orixinais da maxia polo seu humor, personalidade e nivel técnico.