Entidades culturais, educativas e deportivas poden solicitar as axudas para as actividades organizadas en 2022

Entidades culturais, educativas e deportivas poden solicitar as axudas para as actividades organizadas en 2022

Coa publicación do extracto da convocatoria no BOP, o Concello de Fene abre este xoves o prazo de solicitude de subvencións, en réxime de concorrencia competitiva, a entidades sen fins de lucro para o ano 2022. O obxectivo da convocatoria é “apoiar ás entidades municipais sen ánimo de lucro no desenvolvemento de actividades culturais, deportivas e educativas que favorezan a participación entre a veciñanza”, amais de contribuír ao financiamento dos gastos de funcionamento das mesmas. As sociedades culturais, deportivas ou Anpas interesadas en acollerse á convocatoria, deberán presentar as súas solicitudes no Rexistro Xeral do Concello, sede electrónica, até as 14:00 h do vindeiro 26 de outubro.


Este ano o Concello de Fene destina ao programa de subvencións de concorrencia competitiva a entidades sen fins de lucro un total de 105.800€, dos cales, 6000€ corresponden ás Anpas, 44.800 ás entidades culturais non lucrativas e os 55.000 restantes ás entidades deportivas non lucrativas. Ademais, nas bases establécese que o importe máximo destas subvencións por entidade solicitante será de 1.500€ no caso das Anpas, 12.000€ no caso das entidades culturais non lucrativas e de 15.000€ no das deportivas. E, con ese tope, a contía das subvencións poderá acadar, como máximo, o 80% do presuposto de gastos que as entidades detallen no formulario de solicitude.

Poderán optar a estas axudas as entidades que cumpran os seguintes requisitos: carecer de ánimo de lucro; ter sede e desenvolver as súas actividades no Concello de Fene; estar legalmente constituídas e estar inscritas no rexistro autonómico correspondente cos datos actualizados; non estar incursas en causas de incompatibilidade ou incapacidade para ser beneficiarias ou percibir subvencións da Administración pública e, no caso de entidades que foran beneficiarias de subvencións ou axudas económicas concedidas en anos anteriores polo Concello de Fene, telas debidamente xustificadas e aprobadas, así como non ter aberto ningún procedemento de reintegro das cantidades percibidas. Tamén se establece que as actividades para as que se solicita subvención sexan de interese para o Concello.

Entre os gastos subvencionables que figuran nas bases, salientan os gastos correntes derivados da realización de actividades, de participación en campionatos deportivos ou do normal funcionamento das entidades e das súas instalacións, compra de bens correntes (consumibles de oficina, etc.), gastos de organización de escolas deportivas ou culturais, de festas e romarías e “todas aquelas actividades dirixidas á conservación, promoción ou divulgación das tradicións e valores culturais propios do Concello de Fene”.

Como criterio xeral, serán subvencionables as actividades que se desenvolvan ao longo do exercicio de 2022, ou no caso das que duren un curso académico, as realizadas no curso 2021/2022. Ademais, no caso das entidades deportivas, serán subvencionables os gastos derivados da inscrición de equipos, fichas federativas e mutualidades e equipacións correspondentes á tempada 2022-2023 e aqueles outros que se realizaran no ano 2022. Para as entidades culturais e ANPAS serán subvencionables as actividades que se desenvolvan ao longo do exercicio de 2022, ou no caso das que duren un curso académico, as que vaian ter lugar no primeiro mes do curso 2022/2023.

As solicitudes, en modelo oficial facilitado polo Concello, e demais documentos presentaranse no prazo indicado no Rexistro Xeral do Concello de Fene, a través da sede electrónica municipal, ou por calquera dos medios contemplados no artigo 16 da Lei 39/2015, de 1 de outubro, de Procedemento Administrativo Común das Administracións Públicas.

Descargas
Ligazóns