XXXIV Xuntanza de Gaiteiros de Airiños de Fene
20-10-2022
O sábado 29 de outubro a partir das 19.30 horas, a Banda de Gaitas Tradicional Airiños de Fene celebrará na sociedade Agarimo de Sillobre a XXXIV Xuntanza de Gaiteiros, encontro que vén organizando todos os anos desde 1988 coa colaboración do Concello de Fene. Nestas xuntanzas, amais da participación de distintas bandas, grupos ou músicos, aprovéitase a ocasión para realizar unha homenaxe a algunha persoa, grupo ou entidade que se caracterizou por gardar, recoller, recuperar e dar a coñecer a nosa música tradicional. Nesta XXXIV Xuntanza, Airiños homenaxeará ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
O Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira "é hoxendía o festival máis importante do estado e un dos festivais máis importantes a nivel mundial. A edición inaugural deste festival, o primeiro deste tipo celebrado no estado, tivo lugar na explanada do colexio de Ortigueira o 30 de Xullo de 1978". Ao longo dos seus 44 anos de historia pasaron polo Festival "os grupos e interpretes máis importantes da música folk, celta e da música popular e tradicional de Galicia e do norte de España (Milladoiro, Kepa Junquera, Carlos Núñez, Sharon Shanon, The Chieftanis, Gwendal, Wolfstone, Berrogüeto, La Musgaña, Tejedor, Capercaille… e numerosas bandas de gaitas de Galiza, Asturias, Escocia, Irlanda e Bretaña)".
Nesta XXXIV Xuntanza de Gaiteiros contarase coa participación de Airiños de Fene, dos grupos de cantareiras Xerfa e Xirifeiras e da Escola de Gaitas de Ortigueira. A Xuntanza será presentada por Alfonso Cheda.
A cita será o 29 de outubro as 19.30 horas na S.C.R.D. Agarimo de Sillobre. Dende Airiños de Fene animan á veciñanza a asistir ao certame "para que todos xuntos poidamos participar e desfrutar nesta festa na defensa da nosa música, canto e baile, así como na merecida homenaxe ao Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira".