Asinados os convenios de colaboración correspondentes ás subvencións nominativas a entidades culturais e deportivas de Fene
21-10-2022
O alcalde de Fene, Juventino Trigo, e representantes das asociacións AVV Magalofes, AVV Limodre, CMI Unidade de Fene, Airiños de Fene, ACRD O Pote, CPS San Valentín, Liga de Amigos de Barallobre, Anpas de Centieiras e Os Casais, Escudería Scratch e Asociación de Voluntarios de Protección Civil, reuníronse este mediodía na Casa do Concello para asinar os convenios de colaboración entre o Concello de Fene e as distintas entidades. Convenios que no seu conxunto (incluídos os xa asinados previamente con Os Centolos e Felicia), ascenden a 58.000 €, dos cales 44.300 € son para entidades culturais; 5.500 € para ANPAS; 5.000 para entidades deportivas e 3.000 para voluntariado de Protección Civil.
Con estas aportacións, o Goberno Municipal de Fene pretende apoiar o labor destas entidades na organización de eventos como a Festa do Poldro de Magalofes, a Festa da Ameixa, en Maniños, a do Langostino en San Valentín ou as festas gastronómicas da AVV Limodre, xunto coas Romarías do Pote e do Camiñante. Tamén se respalda a organización do Premio Pérez Parallé, da Xuntanza de Gaiteiros e, no eido deportivo, do Slalom Fene. Por último, neste 2022, outórganse subvencións nominativas para o funcionamento dos comedores escolares de Centieiras e Os Casais e para o programa anual de voluntariado de Protección Civil de Fene.