Gisela Mato Rivera acada o XXXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé
07-11-2022
Gisela Mato Rivera, nada na emigración en Xenebra en 1978, é a gañadora da XXXV edición do Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, que convoca o Círculo Mercantil e Industrial-Unidade de Fene co apoio do Concello de Fene. O xurado, reunido o pasado venres, escolleu o libro de Mato, titulado Fraxilidades de entre 74 obras presentadas a concurso este ano. Trátase da XXXV edición deste Premio, creado para homenaxear ao poeta fenés Xosemaría Pérez Parallé, coñecido como O Segrel do Penedo. Poeta popular, activista literario, promotor da celebración en Galicia do Día das Letras Galegas que fora instituído polas colectividades galegas do exilio.
A autora galardoada estudou Psicoloxía na USC e na Université de Paris X. Actualmente traballa no eido dos recursos humanos en Compostela. Recibiu o I Premio de poesía no Certame do Centenario do IES Otero Pedrayo (1996) co poema “Imposibles” e o VIII Premio de Relatos “Rosa de Cen follas” (2015), co relato “Non fala”. Ten publicado a colección de relatos Cuerpos ajenos, (Editorial Tandaia, 2020).
O xurado deste ano estivo composto por:
Tamara Andrés: poeta nada en Combarro, graduada en tradución e interpretación na Universidade de Vigo. Conta cunha importante obra poética na que destacan Corpo de Antiochia (2017), Irmá paxaro (2019) e Bosque vermello (2019). Na actualidade traballa como investigadora no centro Ramón Piñeiro.
Oriana Méndez: poeta viguesa, é licenciada en Filoloxía Galega pola USC e, na actualidade, concelleira polo grupo da Marea de Vigo. Na súa obra poética destaca Derradeiras conversas co capitán Kraft (2007), Cero (2011), O que precede á caída é branco (2015, Premio de poesía Concello de Carral) ou Interna (2009), premio de poesía Afundación.
Sara Plaza, poeta nada en Bustarviejo (Madrid), obtivo o Premio Pérez Parallé no ano 2020 co libro todos os pasos fan ruído. Na actualidade reside en Lugo onde desenvolve traballo de investigación cunha bolsa de doutoramento na USC.