Fene inicia este mércores os actos co gallo do 25N

Fene inicia este mércores os actos co gallo do 25N

O Concello de Fene izará este mércores ás 10:00h a bandeira violeta que identifica non só a reivindicación plena de dereitos para a Muller, senón tamén a necesaria erradicación das violencias machistas de todo tipo. O departamento municipal de Igualdade inicia deste modo simbólico un ciclo de actividades con motivo do 25 de Novembro -Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas-que se completa coa adhesión de Fene, un ano máis, á campaña provincial "De fronte á violencia de xénero", cuxo programa se dará a coñecer nestes días. O Concello distribuirá o material da campaña -cartelería e códigos QR do Punto Violeta- entre o comercio e a hostalaría, ademais de organizar charlas para a adolescencia e dúas citas escénicas.
 
Os actos en Fene concentraranse entre o 14 de novembro e o propio día 25 con dúas pezas escénicas e tamén dúas charlas para a mocidade do IES de Fene, como reforzo neste último caso do labor socioeducativo e de concienciación que se desenvolve nas aulas tanto ao longo deste mes como durante o resto do ano, "e non só no instituto, senón tamén nos demais centros de ensino, que fan un traballo moi constante neste sentido", comenta a concelleira responsable de Benestar e Igualdade, Mari Carmen Martínez. 
 
A concelleira engade a este respecto que  a maneira "máis efectiva" de avanzar cara á erradicación da violencia contra das mulleres é "educar desde as primeiras etapas da vida no respecto, na igualdade e na corresponsabilidade... tanto na escola como na casa".
 
Así, o venres 25 de novembro, en colaboración co IES de Fene, o Concello organiza dúas charlas sobre violencia vicaria impartidas por Joshua Alonso. A súa nai foi asasinada en 2017 no barrio redondelán de Chapela, cando o seu padrastro fixo estourar a casa na que vivían matándoa a ela e morrendo tamén el na explosión. Joshua, que estudaba informática, tivo que facerse cargo dun irmán máis pequeno e desde aquela -e tras pasar un auténtico calvario burocrático- decidiu orientar a súa formación cara ao campo da Igualdade de xénero. 
 
"Cos coñecementos adquiridos nos últimos anos e, sobre todo, coa experiencia traumática que viviu, Joshua ofrece unha visión do problema da violencia desde dentro, moi valiosa para traballar en materia de concienciación", explica Martínez.
 
As charlas de Joshua Alonso no IES de Fene desenvolveranse ás 10:20 e ás 12:20h, co obxectivo de que poida asistir todo o alumnado do centro.
 
Escénicas comprometidas co 25N
Porén, antes do 25N, o Concello tamén programou dúas representacións no salón de actos da Casa da Cultura. A primeira desenvolverase o luns 14 de novembro ás 19:00h. O seu título é "Golpes. (in the house of the rising sun)" e trátase dun monólogo protagonizado por Estíbaliz Veiga ou, mellor dito, dun "one woman show nun mundo machista", tal e como apunta o dossier desta peza dirixida a público adolescente e adulto. 
 
Veiga métese no papel de Pamela, unha rapaza vítima de violencia que vai rememorando a súa vida tomando como punto de partida a adolescencia e o momento en que namorou "crendo nos postulados do amor romántico", punto de inicio do control e dos golpes que virían despois e que acabarían converténdoa nunha persoa moi distinta a aquela moza soñadora e romántica que era antes de vivir "unha relación que non debeu vivir".
 
Ao luns seguinte, 21 de novembro, tamén ás 19:00h., a Casa da Cultura acollerá a representación de "#2Pilgrims", protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. O Camiño de Santiago é espazo para unha auto-ficción na que ambos protagonistas -ela coñecida por ter participado na serie Acacias 38 e el por ser o neno de Pratos Combinados- tentan buscar a maneira de relanzar as súas carreiras artísticas. Nesa procura vital vanse tocando temas como a igualdade, o feminismo, as novas masculinidades e a importancia actual das redes sociais.
 
A obra producida por Redrum Teatro vai dirixida tamén a público adulto e adolescente e, igual que "Golpes..." é con entrada libre. Encádrase nos actos do 25N en Fene gracias ao programa  O teu Xacobeo da Xunta de Galicia.