A Casa da Cultura  acolle este serán a representación de "#2Pilgrims", dentro da programación do 25N

A Casa da Cultura  acolle este serán a representación de "#2Pilgrims", dentro da programación do 25N

Hoxe, 21 de novembro, o auditorio da Casa da Cultura acollerá a partir das 19:00h. a representación de "#2Pilgrims", protagonizada por Sheyla Fariña e Guillermo Carbajo. O Camiño de Santiago é espazo para unha auto-ficción na que ambos protagonistas -ela coñecida por ter participado na serie Acacias 38 e el por ser o neno de Pratos Combinados- tentan buscar a maneira de relanzar as súas carreiras artísticas. 
 
Nesa procura vital vanse tocando temas como a igualdade, o feminismo, as novas masculinidades e a importancia actual das redes sociais.
 
A obra producida por Redrum Teatro chega a Fene a través do programa da Xunta O teu Xacobeo. Vai dirixida a público adolescente e adulto e a entrada é gratuíta.
 
Fene, tamén de fronte ás violencias
O departamento municipal de Igualdade iniciou a semana pasada un ciclo de actividades con motivo do Día Internacional da eliminación da violencia contra das mulleres e nenas que se completa coa adhesión de Fene, un ano máis, á campaña provincial “De fronte á violencia de xénero”, que prevé a distribución de material de concienciación e outras actividades, enfocadas este ano á sensibilización e reflexión da mocidade sobre a tecnoloxía como elemento facilitador das desigualdades de xénero e de distintas modalidades de violencia machista.

A área de Igualdade da Deputación propón desde hoxe luns accións multiplataforma que comprenden a difusión de microvídeos conducidos pola actriz Melania Cruz nos que se describen situacións reais de violencia dixital, como o ciberacoso, o sexting, a sextorsión ou o grooming. 
 
As actividades acompañarase cunha ciberquedada xuvenil este mércores 23 arredor do mesmo tema que se retransmitirá ao vivo a través da canle de Youtube da Deputación a partir das 10:45h, coa participación de alumnado de máis dunha vintena de centros educativos de secundaria. Dentro da campaña “De fronte á violencia de xénero” tamén está dispoñible na web un xogo interactivo para público infantil, así como material didáctico para traballar nas aulas. 
 
Charlas de Joshua Alonso no IES de Fene
Na mesma liña de afondar na concienciación da xente nova, este venres 25 de novembro, en colaboración co IES de Fene, o Concello organiza dúas charlas sobre violencia vicaria impartidas por Joshua Alonso, quen perdeu a nai en 2017 nunha explosión provocada polo seu marido, do que estaba en trámites de separación, tamén morto na deflagración.  
 
Despois daquel suceso traumático  Joshua tivo que facerse cargo dun irmán máis pequeno e refacer a súa vida superando unha chea de atrancos burocráticos. Hoxe dedícase profesionalmente ao ámbito da Igualdade de Xénero. Ademais ofrece charlas e talleres que contan co aval da súa especialización técnica e, sobre todo, a autoridade que lle confire ter vivido tan de preto o maltrato e un crime machista.
 
As charlas de Joshua Alonso no IES de Fene desenvolveranse ás 10:20 e ás 12:20h, co obxectivo de que poida asistir todo o alumnado do centro.