O escritor Rober H.L. Cagiao participa este mércores na primeira sesión do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene
22-11-2022
Sobre a triloxía “Misterios de Ferrolterra” versará o primeiro encontro do Club de Lectura da Biblioteca Municipal de Fene, que terá lugar mañá mércores, de 18.00 a 19.30 horas nas instalacións da Casa da Cultura de Fene. Oito persoas tomarán parte nesta sesión inicial que contará coa presenza do autor, Rober H.L. Cagiao. O volume aborda tres historias -“Los desahuciados”, “En llamas” e “Exorcismo en Ferrolterra”- nas que “os crimes asolan Ferrolterra. E o grupo policial da Avenida de Vigo, integrado polo inspector Lume,o axente Chanteiro, a tenente Vilar e o comisario Mandioca, xunto cos integrantes do equipo de Paola Gómez (El Guardián de las Flores) serán os encargados de investigalos”.
A propósito do comezo da actividade, dende a biblioteca de Fene lembran que continúa aberto o prazo de inscrición para este club de lectura dirixido a público adulto e para o que aínda queda algunha praza dispoñible. As inscricións realízanse na propia biblioteca, presencialmente ou por teléfono (981 342 302), de luns a venres, de 16.00 a 21.00 horas ou os sábados de 10.00 a 13.00 horas.
Para participar, unicamente cómpre ter interese pola lectura xa que as persoas que formen parte do club deberán ler ao mesmo tempo a obra proposta, a soas nas súas casas, reuníndose logo para comentar o que leron. A biblioteca proporcionará un exemplar a cada membro do club, previamente inscrito que, no caso da sesión prevista para o vindeiro 14 de decembro será “Final feliz”, de Xavier Queipo.
O Club de Lectura da Biblioteca de Fene terá carácter mensual, realizándose as xuntanzas un mércores ao mes, até maio de 2023, en horario de tarde, de 18.00 a 19.30 horas. A respecto da dinámica de funcionamento da actividade, cómpre ter en conta que o número de prazas é limitado, adxudicándose por orden de inscrición. Ademais, farase unha lista de agarda para que, no caso de que se produza algunha baixa, pase a formar parte do Club de Lectura a persoa que ocupe o primeiro posto (ou sucesivos) na listaxe. Por último, lembran dende a biblioteca, no caso de que algunha persoa participante acumule dúas faltas sen xustificar, perderá a súa praza, que pasará a ser ocupada pola seguinte na lista de agarda.