Manifesto Institucional 25 Novembro 2022, Día Internacional Contra a Violencia de Xénero
25-11-2022
Como cada 25 de Novembro o Concello de Fene alza a voz contra ese silencio. Sumamos a nosa palabra á de millóns de mulleres e homes que en todo o planeta din basta e reafirmamos ese compromiso tamén con feitos.
Non podemos resignarnos a que se asuma como normalidade a traxedia dolorosamente cotiá da violencia machista porque non é un destino escrito en pedra senón o resultado, tal e como sinala Nacións Unidas, “dunhas relacións de poder desiguais entre mulleres e homes que persiste como unha crise silenciosa”.
A violencia machista segue forte na nosa sociedade, como mostra da vixencia do sistema patriarcal. Proba disto son, por exemplo, os datos recentes dados a coñecer a mediados de outubro por parte do Observatorio do Consello Xeral do Poder Xudicial que indicaba que os xulgados galegos recibiron no segundo trimestre de 2022 ata 1.813 denuncias por violencia machista, un 9,9% máis que no mesmo período de 2021.
Ademais da preocupación pola vixencia da violencia machista, o contexto de 2022 engade a incerteza dunha situación económica na que a escalada de prezos que se vive desde hai máis dun ano impacta con virulencia nas mulleres, afondando na desigualdade.
Nun contexto onde, ademais, medran os discursos misóxinos que cuestionan a desigualdade e a violencia machista, é necesario que as administracións revaliden o seu compromiso co impulso e o apoio económico das medidas en materia de fomento da igualdade e loita contra estas violencias.
Entre os recursos máis importantes cos que conta o noso país están os Centros de Información ás Mulleres, cunha rede importante mais que aínda arrastra carencias como a falta de cobertura ao longo do territorio ou a insuficiencia dos cadros de persoal.
É necesario recordar que se ben os CIM son de titularidade municipal, a Xunta de Galiza delimita os requisitos que deben cumprir para a súa creación, os seus principios de actuación e as súas funcións, entre outros e tamén contribúe ao seu financiamento a través de convocatorias anuais en réxime de subvención.
A respecto do financiamento, a Xunta de Galiza establece unha contía total máxima de axuda que se pode conceder ao abeiro do Programa de apoio aos CIM e que é de 45.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude individual, e de 120.000 euros, no caso de que se trate dunha solicitude para a xestión compartida ou dunha entidade resultante dunha fusión de concellos.
Este tope máximo limita de facto o cadro de persoal e os perfís profesionais dos que dispoñen a maior parte dos CIM así como o seu orzamento, tal e como sinalou a FEGAMP no seu primeiro Informe sobre a acción dos concellos galegos. Estas limitacións orzamentarias, en canto á achega da Xunta de Galiza e as dificultades dos concellos de incrementar as súas achegas, deriva en que o groso dos recursos económicos vaian dirixidos ao pagamento do persoal e dos custes de mantemento dos centros mentres que apenas o 5% se destina a accións de prevención e promoción da igualdade.
Galiza é exemplo de importantes avances institucionais, como o recoñecemento da violencia vicaria como violencia machista, e de importantes mobilizacións, como amosa a cada vez maior resposta aos feminicidios en convocatorias e asistencia, ou as históricas manifestacións dos 8 de marzo. Neste contexto, aínda que temos avanzado, queda moito por facer e estamos nun momento histórico de ameazas de retroceso en materia de igualdade. Polo tanto, é necesario dar un paso máis fortalecendo un instrumento coma os CIM. Este é un chanzo necesario para garantir a igualdade de opcións e trato das galegas ao longo do territorio, para avanzar na profesionalización e na mellora da atención e para prever e intervir ante as necesidades actuais.
Non podemos esquecer que a prostitución non é un problema das mulleres, senón de calidade democrática. Garantir a liberdade, a seguridade e a vida das mulleres e protexer as vítimas non é unha opción, é unha obriga. A violencia machista interpélanos e as administracións locais debemos combatela con todos os medios ao noso alcance.
No ámbito das nosas competencias, desenvolvemos un papel fundamental na prevención, así como na información, asesoramento, protección e acompañamento ás mulleres vítimas e seus fillos e fillas.
Por estes motivos, é preciso comprometérmonos co seu fortalecemento, ademais de revalidar o compromiso coas mobilizacións feministas e demandar das institucións o mantemento dos compromisos económicos coa igualdade e a loita contra a violencia machista
Por todo o exposto, o Pleno do Concello de Fene, adopta o seguinte ACORDO:
1.- Ratificar o compromiso firme do Concello de Fene cos dereitos das mulleres, a erradicación de calquera tipo de violencia machista e combater calquera discurso negacionista e posicionamento político que negue a violencia de xénero ou rexeite as políticas públicas enfocadas á súa total erradicación.
2.- Dende o compromiso existente do Concello de Fene no ámbito das súas competencias e naqueles casos onde teñamos detectado deficiencias, demandar da Xunta de Galicia como órgano competente a dotación de recursos económicos necesarios e axentes especializados os instrumentos de loita contra todas as formas de violencia contra as mulleres e colaborar coas asociacións da sociedade civil que loitan contra a violencia machista e traballan pola igualdade de homes e mulleres
3.- Expresar o apoio da corporación municipal de Fene, ás mobilizacións feministas convocadas ao abeiro do 25 de novembro de 2022 contra a violencia machista.
4.- Demandar da Xunta de Galiza o incremento aínda mais dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2023 de forma que se sitúen, como mínimo, no 1% do total e así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero.
5.- Demandar da Xunta de Galiza a aprobación dun programa de ampliación e extensión dos CIM a través das seguintes medidas:
3.1- O incremento da achega económica do programa de axudas e subvencións de apoio aos CIM co obxectivo de reforzar e ampliar a rede galega de CIM facendo especial énfase na creación destes centros naqueles concellos e comarcas nos que actualmente non existen ou están sobrecargados.
3.2- Reforzar o financiamento anual dos CIM garantindo, asemade, que o Programa de apoio aos CIM cubra os custes de persoal e de mantemento, favorecendo o desenvolvemento de actividades e programas de prevención da violencia machista e de promoción da igualdade así como a incorporación de novos perfís profesionais aos centros.
6.- Instar ao concello de Fene a que inicie os trámites para crear un Centro de Información ás Mulleres (CIM) e solicitar o soporte técnico necesario para a creación do CIM. Mentres tanto o concello deberá buscar a localización máis axeitada para a situación do CIM cuns locais dignos.
7.- Rexeitar a negación da violencia de xénero, xa que pon en perigo a necesaria sensibilización e concienciación social que se require, para erradicar o machismo da sociedade.
8.- Impulsar no marco das competencias municipais que as políticas públicas en materia de servizos sociais, sanidade, seguridade e igualdade teñan tamén como obxectivo a abolición da prostitución.
9.- Implementar en todas as administracións públicas o Catálogo de Medidas Urxentes aprobado no Consello de Ministras e Ministros do 27 de xullo de 2021, do Plan de Mellora e Contra a Violencia de Xénero, e que implica ós Ministerios de Igualdade, Xustiza, Interior, Sanidade, Dereitos Sociais e Axenda 2030, para avanzar na erradicación das violencias estruturais sobre as mulleres.
10.- Implementar a educación afectivo-sexual e contra a discriminación e a violencia de xénero, dende a óptica feminista e dende a diversidade, en todas as fases educativas.
11.- Desenvolver plans de formación e sensibilización contra da violencia de xénero, de obrigado cumprimento para o persoal sanitario, educativo, xurídico e forzas e corpos de seguridade do Estado, con cursos mantidos no tempo.
12.- Demandar á Xunta que continúe a implantación rápida do VIII Plan estratéxico de igualdade de oportunidades entre mulleres e homes 2022-2027 da Xunta de Galicia que constitúe, en definitiva, un documento marco que engloba as diferentes accións de igualdade que está a desenvolver a Xunta, como son, entre outros o III Programa Muller e ciencia 2022-2025; o Plan galego contra a trata ou o Estatuto da muller rural e do mar, que formará parte da nova Lei de igualdade e que consideramos necesarios.