Abre o prazo de inscrición para os contos para bebés na Biblioteca de Fene
07-12-2022
As familias interesadas en apuntar ás súas crianzas á sesión de contacontos que Barafunda Teatro ofrecerá na biblioteca municipal o xoves 15 e o grupo O Titiribaile o 16 de decembro, poden anotalos dende hoxe até o vindeiro 14 de decembro na propia biblioteca. Ámbolos dous espectáculos están dirixidos a bebés, de 0 a 4 anos o primeiro e de 0 a 3 o segundo. A reserva realizarase presencialmente ou por teléfono, no 981 342 302, de luns a venres (agás festivos), de 16 a 21 horas ou o sábado, de 10 a 13 horas. Con esta dobre sesión de contacontos comeza este ano o ciclo de actividades que organiza a Concellería de Cultura de Fene ao redor das festas de Nadal.
Na primeira función, prevista para o xoves 15 de decembro ás 18 horas, o grupo Barafunda Teatro presentará o seu espectáculo “Pepiña Maruxiña quere voar”, dirixido a nenos e nenas de 0 a 4 anos. Nel, “Pepiña Maruxiña emprende unha aventura polo xardín á procura dunhas ás. Polo camiño coñecerá diferentes animais que a axudarán a cumprir os deus desexos de voar”. O conto de Pepiña está baseado na tradición popular de cantarlle as xoaniñas para protexelas. Pero ademais, o espectáculo mestura música e diferentes elementos como globos ou escuma. Actividade de balde, con aforo limitado e reserva previa.
No que respecta á función do venres 16 de decembro ás 17.30 horas, titúlase “Chegados a este punto” e correrá a cargo do grupo O titiribaile. “Chegados a este punto é unha clase maxistral onde ensinamos que a vida é máis sinxela do que semella….a vida son cores. É unha clase onde podes acudir sempre que queiras pois cada día nos deixa unha lección”. Nesta ocasión aprenderemos como superar os nosos medos, que cor representa cada emoción, que un agasallo non ten porque ser material, que todos temos un artista dentro, animais, estacións, cores, etc. A través da música, das cores, dos sentidos etc. Actividade de balde, dirixida a nenos e nenas de 0 a 3 anos, con aforo limitado e reserva previa na Biblioteca Xosemaría Pérez Parallé.