Contos e música para despedir o ano en Fene
26-12-2022
O ciclo de actividades organizado pola Concellería de Cultura para o Nadal continúa este mércores, 28 de decembro, ás 12.00 horas, cunha sesión de contacontos a cargo do grupo Compañía Eléctrica. A función, titulada “Festa”, vai dirixida a nenas e nenos de Infantil e Primaria e desenvolverase no salón de actos da Casa da Cultura de Fene. Actividade de balde, con aforo limitado pero sen reserva previa. Tamén esta semana, o venres 30 de decembro, está prevista unha actuación da cantante e actriz Eugenia Sanmartín, co espectáculo “Curumín”. Será a partir das 21 horas no CCRD de Perlío con entrada libre e de balde.
De seguido amplíase a información sobre cada un dos espectáculos desta derradeira semana do ano.
- Mércores 28 de decembro, ás 12 horas, no salón de actos da Casa da Cultura. Actuación de Compañía Eléctrica con “Festa”
En “Festa”, Iria Pinheiro fai unha festa de contos nos que a diversidade é o fío condutor. Unha contada poética e alegre baseada no teatro de obxectos que fará sorrir a crianzas e maiores. Sopas insólitas, vacas que poñen ovos e amizades únicas son parte dos ingredientes das divertidas historias representadas nesta peza.
Actividade de balde, con aforo limitado sen reserva previa.
Dirixida a público de infantil e primaria.
Duración aprox.: 60 minutos
- Venres 30 de decembro, ás 21 horas, no CCRD de Perlío. Concerto de Eugenia Sanmartín co espectáculo “Curumín”
Curumín quere dicir en guaraní pequeno indio. Esta fermosa palabra dá título á proposta de concerto e tamén é unha das cancións do repertorio. A canción vai adicada ao fillo de Eugenia Sanmartin e, ao fin, “á vida mesma”. “O feito de ser mamífera conforma unha das vías máis ricas para a miña inspiración”, asegura a cantante ferrolá.
O concerto deste venres incluirá un repertorio mesturado de temas propios e alleos, e tamén de poemas musicados e ditos da artista. As músicas veñen da Galicia, do Brasil, das Américas... “o horizonte atlántico ao que verte a nosa terra leva e trae lingua e son”, afirma Sanmartín. “Procuro coa voz e a guitarra e a percusión facer chegar aos vosos oídos cancións que, agardo, cheguen ao corazón que late nos peitos”.
Actividade de balde, con aforo limitado sen reserva previa.
Dirixida a tódolos públicos
Duración aprox.: 70 minutos