O doutor en Medicina Ángel Carracedo abre unha nova quenda de conferencias do ciclo Contando Ciencia

O doutor en Medicina Ángel Carracedo abre unha nova quenda de conferencias do ciclo Contando Ciencia

Sobre “A medicina xenómica” xirará mañá martes, ás 19.00 horas, a primeria sesión do ciclo “Contando Ciencia” en 2023. O programa, organizado pola Biblioteca “O Segrel do Penedo” do IES de Fene coa colaboración da Concellería de Ensino de Fene, ten como obxectivo achegar a ciencia á poboación en xeral. “Contando Ciencia” desenvólvese na Casa da Cultura de Fene un xoves (ou martes) ao mes, con entrada libre e de balde até completar o aforo. Logo desta primeira charla, protagonizada polo doutor en Medicina da USC, Ángel Carracedo, os vindeiros convidados ao ciclo serán: Carmen García Jares, doutora en Farmacia, que falará sobre a “Seguridade dos produtos cosméticos” (9 de febreiro); Fran Canosa, doutor en Xeoloxía, cunha conferencia titulada “Galicia, un paraíso xeolóxico” (9 de marzo); Bea Hervella, meteoróloga, que falará sobre “O cambio climático en Galicia” (20 de abril); e María Canosa, enxeñeira de Camiños e escritora, que pechará o ciclo falando sobre “Máis vale maña que forza”.

Doutor en medicina pola USC, Ángel Carracedo é catedrático de medicina legal nesa mesma universidade. Foi director do Instituto de Medicina Legal entre 1994 e 2012 e, actualmente, dirixe a Fundación Pública de Medicina Xenómica e o Centro Nacional de xeneotipado-ISCII. Ademais, coordina o grupo de Medicina Xenómica UAC é e xefe de grupo do Centro de Investigación Biomédica na Rede de Enfermidades Raras e da área de Xenética e Bioloxía do Instituto de Investigación Sanitaria de Santiago de Compostela.

Carracedo é considerado líder mundial en xenética forense e científico de referencia en xenómica comparada e de poboacións. Ten acadado, entroutros, os seguintes recoñecementos: Premio Nacional de Xenética (2015); medalla de Galicia (2011); Premio Rey Jaime I á Investigación Médica; Medalla Castelao (2006), Medalla Adelaida e Premio Fernández Latorre (2011).

Trala sesión deste martes, prevista para as 19 horas na Casa da Cultura de Fene, a seguinte cita do ciclo Contando Ciencia será o xoves 9 de febreiro, con Carmen García Jares, doutora en Farmacia. Falará sobre “Seguridade dos produtos cosméticos”.

 

ACTUALIZACIÓN 17/01/2023

AVISO: Por mor da alerta vermella decretada nesta xornada por ventos costeiros no noroeste da provincia da Coruña, ADÍASE a conferencia do doutor en Medicina Ángel Carracedo, prevista para esta tarde na Casa da Cultura de Fene (ciclo "Contando Ciencia")