En marcha os traballos de reparación e acondicionamento da cuberta do pavillón da Xunqueira
03-02-2023
A Concellería de Deportes investirá 33.000 no amaño da cuberta do pavillón de San Valentín co obxectivo de poñer fin ás filtracións de auga que estaban a deteriorar a pista e que, á súa vez, podían supoñer un perigo para os usuarios e usuarias da instalación. As tarefas, contratadas á empresa Instalaciones Deportivas Gallegas S.L. e executadas por Alumatic Norte, consisten no cambio de parafusos desgastados e na suxeición das pranchas da cuberta, así como no cambio dalgunhas delas nas zonas máis deterioradas. (aproximadamente 40 metros cadrados). Os traballos comezaron a pasada semana, coincidindo coa melloría do tempo.
Segundo responsables municipais, hai tempo que se veñen detectando filtracións nesta instalación inaugurada no ano 1998. Había pingueiras nos corredores do andar superior e inferior e na pista de parquet onde se realizan a maior parte das actividades. Esta circunstancia, que estaba a provocar o deterioro da pista, podía chegar a ser perigosa para os usuarios e usuarias da instalación. Ademais, en días de temporal con fortes refachos de vento, percibíase un ruído constante, froito da folgura das chapas da cuberta e motivada, segundo os técnicos, polo desgaste e corrosión dos parafusos. Neste senso, a actuación que se está a desenvolver no pavillón inclúe a substitución dos parafusos e o reforzo da suxeición de pranchas para evitar que acabe soltándose algunha.