Martes 21 e mércores 22 de febreiro, días grandes do Entroido fenés

Martes 21 e mércores 22 de febreiro, días grandes do Entroido fenés

Fene ten un dos Entroidos con máis sona e máis tradición de toda a comarca, adobiado pola Concellaría de Cultura cunha chea de propostas que se concentrarán nos dous días grandes do carnaval local, o martes 21 -Martes de Entroido- e o mércores 22, Mércores de Cinza, que ademais é festivo local. Xogos infantís, música e o multitudinario desfile de máscaras encherán de troula e bo humor as rúas do municipio.

As celebracións comezarán o Martes de Entroido, véspera do festivo local, a partir das 18:00h cunha festa infantil a cargo de La Guagua e co tradicional reparto de lambetadas que distintos establecementos de Fene doan para todos os nenos e nenas participantes. A xornada completarase cunha verbena animada pola Orquestra Panamá, que ofrecerá o seu primeiro pase a iso das 21:00 horas e que incluirá a actuación dun Dj durante o descanso.

As actividades do Entroido en Fene continuarán o mércores 22 de febreiro coa concentración de comparsas ás 17:30 horas en Perlío (Pista Polideportiva do CCRD de Perlío) para iniciar un percorrido pola Rúa San Salvador, Avda. Marqués de Figueroa, Cruce de Fene e Avda. Naturais ata chegar á Avenida do Concello. 

O desfile rematará na Praza do alcalde Ramón José Souto González, onde terá lugar a actuación das comparsas, a lectura do Testamento do Entroido, a queima do boneco e o espectáculo pirotécnico, co lanzamento de foguetes desde o Parque Castelao.

FIN DO PRAZO DE INSCRICIÓN PARA AS COMPARSAS

As comparsas que queiran participar no desfile e festival que terá lugar na Praza do alcalde Ramón José Souto González o mércores 22 de febreiro poderán apuntarse até as 14.00 horas do mércores 15 de febreiro, presentando a solicitude no Rexistro Xeral do Concello. Deste xeito poderán optar ás axudas que establece o Concello de Fene (bases publicadas na web municipal) para fomentar a participación da veciñanza nos actos do Entroido.

Organiza: Concellería de Cultura de Fene

Colaboran: Panadería Modesto Hermida, panadería Ramón, confeitaría Sara, panadeira A Broa, panadería Amaría, panadería O Cruce, pastelería Martinez e supermercados Gadis e Eroski.