Manifesto institucional 8M Día Internacional da Muller
07-03-2023
O 8 de marzo é, desde hai máis de cen anos, unha data internacional de reivindicación e loita pola igualdade de dereitos das mulleres. Máis aínda, nos últimos anos, a forza do feminismo conseguiu desenvolver mobilizacións absolutamente históricas nas que o noso país amosou o seu compromiso coa construción dunha sociedade máis xusta.
Avanzamos grazas ao inconformismo e á convicción de milleiros de mulleres e de asociacións e grupos de mulleres que contribuíron a facer do feminismo un movemento cada vez máis hexemónico e que defenderon co seu esforzo e mesmo coas súas vidas a conquista de novos dereitos. Mais sabemos tamén que o mundo vive un momento de profundas transformacións sociais e económicas e que historicamente cada crise foi aproveitada polo patriarcado para se fortalecer.
Hoxe en día, malia os avances que temos conquistado, estamos a ver como os dereitos tamén se poden perder. O cuestionamento da existencia da violencia machista cando estamos a ser asasinadas ou violadas, o cuestionamento dos nosos dereitos sexuais e reprodutivos ou o intento de normalizar que sexan os nosos lombos os que soportan a degradación dos servizos públicos son perigos vixentes.
Neste senso, malia os dereitos conquistados nas últimas décadas –grazas á loita feminista-- é preciso seguir impulsado medidas encamiñadas a garantir o cumprimento dos dereitos e obrigas recoñecidos a día de hoxe na lexislación vixente; impulsar novas políticas e seguir a traballar de maneira transversal en todos os ámbitos para conquistar novos dereitos e impedir calquera retroceso nos xa recoñecidos.
O ano 2023 enmárcase nun contexto de crise, tensión xeopolítica e crise ecosocial que non deixa de avisarnos de que cada vez temos menos tempo. Os últimos anos foron tortuosos e atravesados pola crise, a pandemia do COVID-19 e a invasión de Ucraína, todo isto afectando principalmente ás capas populares, as máis vulnerables, as máis precarias, agravando a situación de desigualdade de xénero. que apoia o neoliberalismo e o patriarcado.
A desigualdade que denuncia o feminismo é estrutural e global, instaurada e sustentada por un sistema patriarcal, cuxo obxectivo é conseguir beneficios para uns poucos a costa das persoas máis vulnerables e oprimidas, que acaban sendo mulleres en toda a súa diversidade.
O auxe da extrema dereita, do neoliberalismo no seu desenvolvemento máis depredador, sen esquecernos que para o capitalismo e o patriarcado hai corpos e vidas que valen menos, normalízase a violencia contra as mulleres, as persoas racializadas e migrantes. Un sistema que para seguir manténdose necesita que as mulleres coiden de maneira gratuíta e sigan criando para achegar man de obra.
A sustentabilidade da vida é responsabilidade da sociedade no seu conxunto, con todo, a organización social dos coidados segue sendo capitalista e patriarcal, a resolución dos coidados recae sobre os fogares e de maneira principal sobre as mulleres, de maneira gratuíta e “por amor”, polo que o resultado é unha repartición do traballo de coidados baseado na desigualdade de xénero, etnia e clase social.
O Plan “Corresponsables” posto en marcha polo goberno de coalición, é unha nova política pública destinada a iniciar un camiño que consolide o coidado como un dereito, favorecendo que o Estado sexa corresponsable dos coidados de forma decidida apoiando o dereito á conciliación e á corresponsabilidade. Os concellos, organización máis próxima ás persoas tamén deberían despregar políticas activas de coidados.
Desde o movemento feminista reclámase o dereito para ser consultadas, que haxa transparencia na acción do goberno municipal e control das mesmas. iso supón facilitar unha intervención o máis activa posible das mulleres, organizadas ou non nas políticas feministas que poñan en marcha os seus concellos. As políticas en favor da igualdade producen efectos positivos en termos de benestar social, contribúen a xerar un sistema económico máis favorable para a aprendizaxe, a innovación e a protección ambiental.
Este ano 2023, a Organización das Nacións Unidas, con motivo do Día Internacional da Muller, recoñece e homenaxea ás mulleres e nenas, así como ás organizacións feministas que loitan polo avance da tecnoloxía transformadora e o acceso a unha educación dixital.
Este ano pretende ser unha conmemoración que sirva tamén para explorar e avanzar nos efectos da fenda dixital de xénero no crecemento das desigualdades sociais. Tamén porá de manifesto a importancia de protexer nos espazos dixitais os dereitos das mulleres e das nenas, e a abordaxe da violencia de xénero en liña e nas novas tecnoloxías da comunicación.
O Concello de Fene quere sumarse a esta iniciativa, para poñer de manifesto a importancia de acadar a igualdade real e efectiva nun ámbito vital para o desenvolvemento da nosa sociedade e do noso Concello.
Logo de que o 13 de xullo de 2021 se aprobara por unanimidade no Parlamento Galego a Lei 13/2021, do 20 de xullo, pola que se modifica o Decreto lexislativo 2/2015, do 12 de febreiro, polo que se aproba o texto refundido das disposicións legais da Comunidade Autónoma de Galicia en materia de igualdade, para garantir a igualdade real entre mulleres e homes no ámbito universitario e da investigación, o obxectivo é eliminar a penalización sufrida polas mulleres na valoración do seu rendemento investigador por mor dos permisos por embarazo, maternidade ou lactación e da fenda de xénero na produtividade científica. Así, Galicia deu un paso máis cara a igualdade de xénero neste ámbito, establecendo un factor corrector que permite compensar os períodos de inactividade investigadora para que non supoñan unha discriminación nos procesos de avaliación.
Do mesmo xeito, cómpre sinalar que Galicia dispón da Unidade Muller e Ciencia, un órgano que ten como finalidade incrementar a presenza da muller nos ámbitos científico e tecnolóxico. As actuacións deste órgano van encamiñadas, baixo unha perspectiva integral, a promover a eliminación dos desequilibrios que poidan existir no relativo á formación científica, no eido da investigación e innovación, e na xestión da I+D+I, así como a situar nun primeiro plano a perspectiva de xénero nos estudos e actividades científicas.
Ademais, a Unidade de Muller e Ciencia, xunto coa Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, puxo en marcha unha nova edición do proxecto “Nin+ nin – iguais”, que percorre distintos centros educativos galegos durante o presente curso para poñer en contacto ás e aos escolares con mulleres referentes que destacan en sectores tradicionalmente masculinizados. A iniciativa pretende, polo tanto, favorecer o encontro do alumnado con mulleres líderes nos seus respectivos sectores, como a ciencia, coa idea de que mozas e mozos teñan referentes femininas en áreas onde a presenza de homes resulta aínda maioritaria. Isto compleméntase cun amplo e variado abano de medidas que se desenvolven cada ano para sensibilizar á poboación respecto da moi necesaria igualdade de oportunidades entre mulleres e homes, tamén no eido científico-tecnolóxico. Trátase, así, de potenciar a educación en igualdade das persoas e de concienciar á nosa mocidade de que poden ser o que queiran ser, sen importar o seu xénero.
Por outra parte, e dende que no ano 2004 se aprobou o primeiro decreto que regula os Centros de Información á Muller en Galicia, foi moita e moi importante a labor que veñen facendo @s profesionais en defensa da igualdade, dándolle apoio e soporte a milleiros de mulleres galegas. Pese a elo, este servizo presenta varios aspectos susceptibles de mellora.
Por esto, cremos imprescindible iniciar unha reflexión profunda acerca das funcións dos Centros de Infomación ás Mulleres, a capacidade de cumprilas, a súa estructura técnica e de recursos humanos e o seu financiamento, entre outras cuestións. Por iso, faise necesario elaborar unha estratexia, ta e como manifesta a propia FEGAMP, que comece polo establecemento dun novo marco de financiamento que, ademais de incrementarse con fondos propios da Xunta de Galicia, estableza unha ratio de persoal necesario en función da poboación e do número de mulleres atendidas.
Para o Concello de Fene, promover a igualdade entre homes e mulleres debe fomentar a mudanza de valores, rachando co modelo actual de socialización sexista, avanzando nun modelo de relacións simétricas.
Por todo isto, a Corporación Municial do Pleno do Concello, adopta os seguintes ACORDOS
PRIMEIRO: Apoiar as accións que se desenvolvan na reivindicación do 8 de marzo, así como enarborar a bandeira feminista no Concello como símbolo de apoio á loita das mulleres.
SEGUNDO: Aumentar gradualmente a partida dos orzamentos municipais adicada a políticas para alcanzar a igualdade efectiva entre mulleres e homes, e facer unha análise con perspectiva de xénero do orzamento que permita identificar desigualdades.
TERCEIRO: Elaborar un estudo sobre aquelas mulleres referentes do municipio no ámbito das ciencias, a tecnoloxía e as matemáticas, co obxectivo de visibilizar a veciñas referentes, publicando e difundindo dito estudo, tanto en espazos públicos de lecer, bibliotecas, así como nos centros educativos.
CUARTO.- Colaborar coas asociacións de mulleres locais na promoción de veciñas referentes, actuais e da nosa historia, ademais de científicas e tecnólogas galegas co fin de facer actividades divulgativas e de sensibilización entre as súas socias.
QUINTO.- Dirixirse á Xunta de Galicia para:
1. Impulsar as vocacións científicas das nenas e mozas, principalmente desde o ámbito educativo.
2. Colaborar coas organizacións de mulleres científicas e investigadoras na promoción de referentes galegas e actividades de comunicación social e sensibilización dentro da sociedade.
3. Continuar coa formación do profesorado e persoal orientador dos centros educativos de todos os niveis para promover o seu papel impulsor das eleccións vocacionais nesgadas polo xénero.
Promover a corresponsabilidade e a conciliación entre a vida laboral, persoal e familiar para o exercicio da profesión académico-científica-tecnolóxica, tanto no ámbito público coma no privado.
5. -A creación do Instituto Galego das Mulleres como organismo público, encargado de deseñar, impulsar, asesorar e avaliar as políticas de igualdade, e promover a sensibilización da sociedade co obxectivo de conseguir a igualdade real entre mulleres e homes.
6. A creación da Unidade de Saúde Integral das Mulleres, que planifique e impulse unha estratexia de atención integral na que se establezan liñas prioritarias de investigación en saúde da muller, que permita avanzar no coñecemento das doenzas que afectan ás mulleres, revisar os patróns de síntomas e seguir a evolución das enfermidades. Asemesmo, atenderá a incorporación do enfoque de xénero en todo o proceso de formación e garantirá a abordaxe de xénero na atención sanitaria.
7. A creación da Valedoría das Mulleres, con capacidade para sancionar administrativamente ás empresas que cometan accións de discriminación salarial ou profesional, por cuestións de xénero.
8. Estender o protocolo do Partido Xudicial de Santiago de Compostela, encamiñado a impedir a re-vitimización das mulleres vítimas de violencia sexual durante o proceso xudicial.
9. Elaborar un Plan de Extensión dos Servizos Públicos en materia de coidados, incrementando o número de plazas públicas de escolas infantís, centros de día e discapacidade, có obxectivo de garantir a corresponsabilidade social.
10. Elaborar, en colaboración coa FEGAMP, unha estratexia para estender a rede de Centros de Información á Muller en todo o territorio galego, que estableza criterios de emprazamento e prestación de servizos, conforme a factores como a xeografía, a densidade poboacional e as caracteríticas socio demográficas. Para tal fin, a Xunta de Galicia prestará 6 soporte técnico e incrementará os recursos económicos que garantan a pervivencia no tempo dos CIM.
11.Acordar coa FEGAMP, o incremento orzamentarios con fondos propios das liñas de axudas e subvencións da Xunta e Galicia, destinadas a sufragar o gasto de persoal e funcionamento, adecuando así o financiamento ás necesidades e prestacións reais dos CIM, permitíndolle este incremento orzamentario realizar a contratación do persoal que se precisa para prestar un servizo de calidade, nomeadamente axentes de igualdade e persoal administrativo.
13.- Modificar o DECRETO 130/2016, do 15 de setembro, polo que se establecen os requisitos e o procedemento para o recoñecemento e acreditación dos centros de información á muller de titularidade das entidades locais de Galicia, así como para a modificación e extinción do seu recoñecemento para:
a. Incorporar a figura de axente de igualdade entre o persoal necesario para o normal funcionamento do CIM.
b. Regular con criterios obxectivos as necesidades cuantitativas e cualitativas das e dos profesionais cos que debe contar un CIM, establecendo ratios do persoal requirido en función da poboación de mulleres, a demanda recibida e as actividades que acredite que se realizan.
c. Establecer como requisito para ser persoal cualificado dun CIM (dirección, asesoría xurídica ou psicolóxica, axente de igualdade) ter realizado un mínimo de 500 horas de actividades formativas relacionadas coa igualdade entre mulleres e homes, para contribuír a unha maior especialización do persoal dos CIM. d. Establecer que ningunha muller teña que desprazarse máis de 15 kms do seu domicilio para poder ser atendida nun CIM.
14.- Crear un novo servizo ou redefinir algún existente de atención á diversidade que dea resposta ás demandas do colectivo LGTBIQA+.
15.- Realizar unha campaña de información pública para dar a coñecer os CIM como recursos integrais dirixidos ás mulleres.
SÉPTIMO.- Dirixirse ao Goberno do Estado para:
1. Reactivar e impulsar a Unidade de Mulleres e Ciencia, dependente do Ministerio de Ciencia e Innovación, como órgano necesario para implantar a perspectiva de xénero nas políticas científicas, tecnolóxicas e de innovación que afectan á igualdade efectiva entre mulleres e homes. Así como realizar unha avaliación intermedia do II Plan de Igualdad de Género 2021-2025 do CIEMAT, en colaboración co Ministerio de Igualdade.
2. Reactivar o Observatorio Mulleres, Ciencia e Innovación, como órgano colexiado interministerial, no marco do sistema español de Ciencia, Tecnoloxía e Innovación, responsable de analizar e realizar o seguimento da situación das mulleres no ámbito da investigación, o desenvolvemento e a innovación, así como favorecer a integración axeitada da análise de xénero no contido das políticas, programas e proxectos de I+D+I.
3. Aprobar o antes posible o Plan de Igualdad de Género y no discriminación en Ciencia, Tecnología e Innovación, anunciado pola ministra de Ciencia e Innovación, no pleno del Observatorio Mulleres, Ciencia e Innovación, celebrado o pasado 13 de setembro de 2022.
4. Promover propostas tendentes a que as leis integren o abolicionismo da prostitución e os ventres de alugueiro, como exemplos claros da brutal violencia machista, e asumir as responsabilidades que desde o ámbito competencial municipal derívense delas.