Charla e exposición fotográfica sobre o dano cerebral adquirido en Fene
21-03-2023
A Casa da Cultura de Fene acollerá o vindeiro xoves 30 de marzo, ás 17.30 horas unha charla sobre “O dano cerebral adquirido”, froito da colaboración dos Servizos Sociais municipais coa Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE). No acto falarase das posibles causas desta doenza (ictus, accidente de tráfico, tumor cerebral, anoxia, etc), así como da prevención e rehabilitación. O mesmo día abrirá ao público no salón de actos da Casa da Cultura unha mostra fotográfica titulada “Punto e seguido. A vida despois do dano cerebral adquirido”, mostra que se poderá visitar até o 14 de abril en horario: de luns a venres, de 10 a 13 e de 16 a 21 horas (o horario durante a Semana Santa será de luns a venres, de 10 a 14.15 horas).
O Concello de Fene, a través dos Serizos Sociais, ven de iniciar a colaboración ca Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) para poder mellorar á vida das persoas que sufriron dano cerebral, e que unha vez agotaron os recursos sanitarios, xa non teñen acceso aos recursos sociosantarios que precisan para mellorar a súa calidade de vida.
A Federación Galega de Dano Cerebral (FEGADACE) é a entidade que reúne, dende 2007, as cinco asociacións galegas de dano cerebral adquirido (ADACECO na Coruña, ADACE en Lugo, ALENTO en Vigo, RENACER en Ourense e SARELA en Santiago)
O obxecto destas entidades é o de prestar servizos de atención terapéutica especializada a persoas con dano cerebral adquirido e as súas familias. Traballan nas áreas de recuperación funcional, da autonomía persoal, da inclusión social e da orientación e apoio ás familias a través de servizos a atención diúrna, atención ambulatoria, atención ocupacional e residencial.