A viaxe de volta de Bieito Cupeiro

A viaxe de volta de Bieito Cupeiro

A filla do mestre e escritor fenés Bieito Cupeiro (Barallobre, 1914 – Bos Aires, 1993) reuniuse esta mañá co alcalde de Fene, Juventino Trigo, e co concelleiro de Cultura, Justo Ardá, aos que solicitou a colaboración do Concello para que traer de volta e que repousen en Fene os restos mortais do seu pai. Aproveitando a súa estadía en Galicia, Marina Cupeiro achegouse a Fene para coñecer a terra natal do seu proxenitor e o paseo que leva o seu nome na ribeira de Barallobre. “O motivo da visita é saldar unha débeda pendente xa que o meu pai en vida non puido voltar e gustaríame que puidera descansar en paz na súa terra de orixe que tanto añorou porque a morriña o perseguiu toda a vida”, afirmou.

Tralo encontro, o alcalde de Fene expresou a vontade do Concello de colaborar coa familia de Bieito Cupeiro para que as súas cinzas poidan repousar no cemiterio municipal ou no lugar que se determine. Juventino Trigo trasladou a Marina Cupeiro a necesidade de “avaliar todas as cuestións legais que pode implicar o traslado desde Arxentina dos restos mortais do intelectual fenés e amosou a súa disposición para que, de volta a Fene, se lle faga a Bieito Cupeiro a homenaxe que se merece”. Na actualidade, as cinzas de Bieito Cupeiro repousan no Centro Galego de Bos Aires.

Segundo Marina Cupeiro, “meu pai, como moitos outros galegos emigrados, añoraba a súa terra tanto que, o mesmo desexo de visitala, lle producía sentimentos encontrados porque cando el marchou, fíxoo á forza e con moito pesar, deixando a súa terra en mans dun goberno co que non coincidía en absoluto”. Ademais, engadiu, “el sabía que a súa terra perdera moitos valores culturais que sempre tentou defender desde o exterior pero, de voltar, tiña medo de atoparse cunha realidade que quizais non era a que el soñaba”.

Bieito Cupeiro Vázquez, nado en Barallobre (Fene) o 14 de febreiro de 1914 e finado en Buenos Aires en xuño de 1993, foi un mestre e escritor nacionalista galego que formou parte dos galegos ilustres emigrados á Arxentina e que traballaron en prol da cultura galega durante a guerra civil española e o franquismo.

Viviu en Barallobre ata os 22 anos, mais en 1936 emigrou para a Arxentina, onde o seu pai residía dende había tempo. Botaba de menos a súa terra, sentindo unha forte morriña polo clima de galeguidade alí existente. En 1941, decidiuse por Buenos Aires, onde xa se desenvolvía unha forte e intensa vida cultural. En 1945 comezou a vencellarse á Federación de Sociedades Gallegas Agrarias y Culturales, onde moi axiña pasou a integrar a Comisión de Cultura, que redactaba o periódico Galicia. En 1947 coñeceu a Castelao, integrándose no grupo da Irmandade Galega.

Foi colaborador do periódico A Nosa Terra e mentor e asesor das Mocedades Galeguistas, organización da que xurdiría Xosé Neira Vilas. Director da revista Orzán, tamén colaborou coa revista Vieiros, editada en México. A súa verdadeira transcendencia acadouna como educador. En 1979, o Instituto da Cultura Galega organizou unha serie de cursos, onde durante toda a semana, e cun esforzo notábel, impartiu clases de Historia, Xeografía, Arte, Lingua... a máis de duascentas persoas que día a día enchían os salóns. En 1983 foi substituído, mais en 1985 recomezou ese labor noutra entidade, o Fogar de Ribadumia.

Bieito Cupeiro publicou dous libros: Xornes e Galicia de Alén-Mar. No primeiro deles recrea as súas vivencias nesta comarca mentres que no segundo reconstrúe a historia do galeguismo político na Arxentina.

No ano 1994, un ano despois da súa morte, o Concello de Fene acordou nomealo Fillo Predilecto e poñerlle o nome de Bieito Cupeiro ao paseo marítimo de Barallobre, parroquia de nacemento do intelectual fenés. Xa máis recentemente, en 2020 este paseo foi o escenario escollido para unha homenaxe á emigración galega (en lembranza de figuras como o propio Bieito Cupeiro, Antonio Fernández "Adriano" ou Staffan Morling).