Xogando co atletismo
18-04-2023
Ao redor de cincocentos rapaces e rapazas de 1º a 6º de primaria dos colexios A Xunqueira, O Ramo, Centieiras, Os Casais e Jorge Juan participan nas xornadas "Xogando co atletismo" que organiza a Concellería de Deportes de Fene. A actividade desenvolverase entre os días 18,19 e 20 de abril nas pistas de atletismo do Pazo, en Barallobre.
Con estas xornadas o Concello e a Xunta de Galicia, a través do programa “XOGADE”, tentan que o alumnado coñeza de forma práctica as diferentes modalidades do atletismo dun xeito divertido. Por este motivo, en ningún caso se tomarán anotacións das diferentes marcas ou tempos realizados, co obxectivo que se perciban estas xornadas dun xeito lúdico e non competitivo.
Segundo o programa das xornadas, cada día participará o alumnado de 2 cursos dun mesmo ciclo. Distribuiranse as diferentes probas nun circuíto, de xeito que os nenos e nenas vaian pasando por grupos dunha proba a outra ata que, finalmente, se organicen as de relevos, que non se incluirán no circuíto anterior.
Hoxe 18 de abril participará nas xornadas o alumnado de 1º e 2º de primaria dos cinco centros de ensino. A xornada do mércores 19 de abril estará adicada ao alumnado de 3º e 4º de primaria e rematará o xoves 20 de abril coas actividades dirixidas ao alumnado de 5º e 6º de primaria.
Entre as actividades que realizarán, salientan os concursos: salto de lonxitude nunha colchoneta a pés xuntos, salto de lonxitude en area con carreira previa, salto lateral durante 15 segundos, lanzamento de xabelina de espuma e lanzamento de peso lixeiro – pelota blanda. E carreiras: de velocidade e de velocidade vallas. Despois das probas anteriores a realizar en circuito, realizaranse as carreiras de relevos e Gimkana en equipos.
En calquera das tres xornadas, o horario da actividade será de 10:00 a 13:00 h. e terá unha duración aproximada de dúas horas e media, cun descanso de media hora para a merenda (o Concello proporcionará froita e augas a todo o alumnado).