O Concello de Fene organiza para o domingo 14 de maio a súa 28 Milla Escolar
02-05-2023
A Concellería de Deportes abre o prazo de inscrición para a 28 Milla Escolar que se desenvolverá o domingo 14 de maio na Avenida do Mar de San Valentín, a carón do pavillón da Xunqueira. Poderán participar nenos/as de 3 a 16 anos. As carreiras comezarán ás 11:00 horas e concluirán sobre as 12:30 horas, sendo os primeiros participantes os rapaces/as das categorías superiores (Cadetes) e os últimos os da categoría Prebiberón 1. No caso de mal tempo, a proba trasladarase ao interior do pavillón polideportivo da Xunqueira.
A “Milla Escolar” é xa unha das probas clásicas e consolidadas do Concello de Fene, cunha participación aproximada duns 500 nenos e nenas de toda a bisbarra.
Para apuntarse, cómpre entregar a ficha de inscrición cuberta nas oficinas da Avda. Naturais, nº 44, entrechán, Fene, até as 13:00 horas do xoves 11 de maio. Tamén se recollerán inscricións individuais de última hora o día da carreira, de 9:30 a 10:30 horas. Teléfonos información: 607 615 962 // 981 340 366
Segundo se establece no regulamento da proba, as categorías establécense por anos de nacemento e aulas (ou idades equivalentes ás de cada curso). Deste xeito, favorécese a participación de nenos e nenas da mesma aula, sobre todo nas categorías inferiores. Ademais, en todas as categorías diferenciarase entre masculino e feminino. E as distancias a percorrer nas distintas carreiras variarán segundo as idades dos participantes, entre os 50 e os 900 metros.
Nas categorías superiores levarán trofeo os/as 3 primeiros/as clasificados/as de cada categoría.
Os participantes das categorías correspondentes aos cursos de Educación infantil (“Prebiberón 1”, “Prebiberón 2” e “Biberón”) non sairán nas carreiras todos xuntos, senón por quendas de 10-12 participantes aproximadamente, para evitar aglomeracións na saída que poidan provocar caídas. Por este motivo non se realizará a medición dos primeiros clasificados nestas categorías e non haberá trofeos, aínda que sí haberá medalla para tódolos participantes.
Ao remate de cada proba de Prebiberón e Biberón terá lugar a entrega de medallas a tódolos participantes e, unha vez finalizadas as carreiras, entregaranse trofeos aos tres primeiros clasificados de cada categoría (agás nas categorías de Prebiberón e Biberón).
A circulación dos asistentes desenvolverase polas rúas transversais de San Valentín, deixando rúas alternativas de entrada e saída. Ademais contarase cos aparcadoiros da entrada de San Valentín e do CPI A Xunqueira. Efectivos da Policía Local e de Protección Civil indicarán aos participantes o lugar de aparcadoiro e rúas de circulación.