Fene acolle esta fin de semana o Campionato Galego Open Base de Ximnasia Artística Feminina
03-05-2023
A Federación Galega de Ximnasia e o Concello de Fene organizan tamén senllos torneos de vía olímpica de XAF e de base e promogym de XAM
Ao redor de 200 ximnastas participarán entre o sábado 6 e o domingo 7 de maio no Campionato Galego Open Base de Ximnasia Artística Feminina que se desenvolverá no pavillón A Xunqueira de San Valentín. O certame, que se organiza en Fene por primeira vez, contará coa participación de ximnastas dos clubs Ximnasia Artística Ferrolterra, Tempo, Ximnasia Coruña e BayoSil. A maiores, este ano participará tamén como convidado o club asturiano Real Grupo de Cultura Covadonga. Á par que se desenvolve o certame galego de base de XAF, na xornada do domingo haberá dous torneos: o Torneo Open Vía Olímpica de XAF e o Torneo Base e Promogym de XAM.
O Campionato Galego Open Base de Ximnasia Artística é unha competición pensada para nenas/os dun nivel avanzado neste deporte. De feito, ao longo da fin de semana pasarán por San Valentín as/os ximnastas de maior nivel de toda Galicia. O campionato está organizado pola Federación Galega de Ximnasia e o Concello de Fene coa colaboración do Club Ximnasia Artística Ferrolterra, Ximnasia Coruña e o Club Tempo.
O certame desenvolverase o sábado, de 9.30 a 14.00 e de 16.00 a 20.15 horas, e o domingo, de 9.30 a 14.00 horas. O sábado pola mañá participarán as categorías de base 3 maiores, base 4 maiores, base 3 e base 4 e, pola tarde, as categorías de base 1, base 2, base 5 e base 6, de XAF, e promogym 2 e promogym 3, de XAM. O domingo será o turno para as ximnastas de base 6 maiores, base 8, base 10 e vía olímpica. Tamén competirán os ximnastas de base 2, base 3, base 4 e base 5. Tanto no Campionato Galego Open Base de XAF coma no Torneo de Vía Olímpica de XAF haberá dúas clasificacións, unha a nivel galego e outra a nivel open (na que tamén entrará o club asturiano).
O Campionato Galego Open Base de XAF estará aberto ao público, con entrada libre e de balde.