O vindeiro luns terá lugar na Casa da Cultura unha sesión dirixida a familias para afondar no tema
Comezan os obradoiros escolares para a prevención e abordaxe de conflitos desde a educación emocional
04-05-2023
"Desenvolver habilidades sociais e emocionais para previr conflitos e resolvelos de forma sana e respetuosa, tomando como base a educación emocional, a disciplina positiva e a comunicación non violenta”. É o principal obxectivo dos programas “Saúde na escola” e “Mais que un teito” que promoven os Concellos de Fene, Mugardos e Neda a través dos Servizos Sociais municipais, subvencionados pola Consellería de Sanidade.
Esta semana comezaron as sesións de traballo co alumnado de primaria dos centros escolares de Fene e o vindeiro luns terá lugar un encontro dirixido a familias con fillos/as de calquera idade para afondar nesta temática. O prazo de inscrición para esta actividade finaliza hoxe venres. As persoas interesadas en participar poden anotarse a través do enderezo electrónico servizos.sociais@fene.gal ou nos teléfonos 981342607-981492706.
Námbolos dous casos, trátase de obradoiros teórico-prácticos nos que se dan a coñecer estratexias e ferramentas para a identificación e resolución de conflitos e para aprender a comunicarse de forma asertiva. As sesións co alumnado de 5º e 6º de primaria comezaron este mércores, día 3, e desenvolveranse até o vindeiro 24 de maio. A maiores, o vindeiro luns 8 de maio, ás 18.30 horas, a Casa da Cultura de Fene acollerá a sesión para familias “Resolución de conflictos”
“Saúde na escola” e “Mais que un teito” son programas do ámbito escolar, familiar e de prevención comunitaria que teñen como finalidade evitar o desenvolvemento e a consolidación de condutas de risco, promovendo estilos de vida saudables entre o alumnado que permanece vinculado ao sistema educativo e as familias, e tendo en conta a perspectiva de igualdade de xénero.
Máis información no Centro Municipal de Servizos Sociais:
Avda.do Mar, Bloque 1, Baixo - San Valentín
Teléfonos: 981.492.706 / 981 342607
Caixa electrónica: servizos.sociais@fene.gal