Abre o prazo para apuntarse á actuación de Leo Leíño na Biblioteca Municipal de Fene
09-05-2023
En vísperas da conmemoración do 17 de maio, a biblioteca Xosemaría Pérez Parallé de Fene abre nesta xornada o prazo de reserva para asistir ao espectáculo “Habelas Hainas” que a maga Leo Leíño ofrecerá o martes 16 de maio, ás 18.00 horas. A función, dirixida a nenos e nenas de 6 anos en diante, xira ao redor das lendas e tradicións da nosa terra (Santa Compaña, San Andrés de Teixido, Celtas e druídas, a lenda do Apostol, romarías, etc. ), facendo uso da maxia e do humor.
Para asistir, cómpre anotarse a partir deste martes 9 de maio, ben por teléfono (981342302) ou presencialmente na biblioteca, de luns a venres de 16.00 a 21.00 horas e sábados de 10.00 a 13.00 horas.
Con esta actividade, a B.P.M. de Fene festexará este ano o Día das Letras Galegas, adicado ao tradutor, novelista, historiador, xornalista e editor Francisco Fernández del Riego.