Fran Amil actúa este sábado na presentación do libro gañador do Premio de poesía Pérez Parallé 2022

Fran Amil actúa este sábado na presentación do libro gañador do Premio de poesía Pérez Parallé 2022

No marco da presentación do libro gañador do XXXV Premio Nacional de Poesía Xosemaría Pérez Parallé, o CMI Unidade de Fene acollerá este sábado a actuación de Fran Amil (voz solista e guitarra acústica) e Fernando Román (saxo tenor), co espectáculo “Popsía”.

A actuación está organizada pola Concellería de Cultura de Fene coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural). Será o sábado 13 de maio a partir das 20.30 horas, con entrada libre e de balde até completar o aforo.


“Popsía” é un proxecto multidisciplinar que pretende achegar clásicos da lírica galega de tódolos tempos á mocidade do século XXI, para difundir o legado inmorredoiro da cultura galega dende o medievo ata os nosos días, vehiculado a través de estilos musicais como o pop; o rock; o swing; o regatón; o soul; o funk; etc.
A traxectoria de Fran Amil amosa a vontade de fornecer á mocidade de Galicia dun acervo cultural en galego, con visos de contemporaneidade e universalidade que poña en valor aspectos fundamentais como o respecto, a solidariedade e o esforzo ou a non violencia, sen descoidar o aspecto lúdico da música, cunha forte compoñente didáctica. Unha traxectoria á que hai que sumar os discos gravados con diversos grupos de música folk, rock, jazz ou pop da historia recente en Galicia (Os Papaqueixos, Tres Trebóns, Ulträqäns, Chuches Amil, etc).

Coa actuación do dúo de Fran Amil complementarase este sábado a presentación do libro “Fraxilidades”, de Gisela Mato, poemario que resultou premiado na XXXV edición do Premio de poesía Xosemaría Pérez Paralle, convocado polo CMI Unidade de Fene coa colaboración do Concello de Fene e a editorial Espiral Maior. A obra foi escollida polo xurado entre as 74 obras presentadas.