En marcha a Festa do Deporte Adaptado Fene 2023
11-05-2023
Cunha xornada técnica, dirixida a estudantes e profesionais do ámbito socio-sanitario, deportivo ou social, comezou esta mañá na Casa da Cultura a Festa do Deporte Adaptado Fene 2023, promovida por ASCM Galicia coa colaboración da Concellería de Deportes de Fene. A psicóloga deportiva Teresa Allegue, a tamén psicóloga Pilar Carballeira e o director do Centro Activa, Jaime Aneiros interveñen na sesión de mañá para falar sobre psicoloxía deportiva, comunicación e discapacidade e os beneficios da actividade deportiva. Pola tarde, tamén na Casa da Cultura, intervirán o deportista paraolímpico Álvaro Illobre, o adestrador de Rugby adaptado Suso Victoria, o seleccionador nacioal sub-19 FEDPC e a árbitra nacional de boccia Paula Gárate. Falarán sobre o deporte adaptado, propoñendo un achegamento a distintas disciplinas coma o boccia, o baloncesto e rugby en cadeira de rodas, ou o fútbol 7 para Pc e Dca.
Logo da sesión inaugural, a Festa do Deporte Adaptado continuará o venres e o sábado nas instalacións do Pavillón Municipal da Xunqueira. A xornada do venres centrarase na práctica deportiva adaptada cunha primeira parte (mañá) concertada para clubs, centros sociais e centros educativos e a segunda (tarde) para público en xeral. Ao longo deste segundo día, os/as participantes terán ocasión de achegarse e probar disciplinas coma o boccia, slalom, futbol 7, baloncesto e rugby en cadeira de rodas ou tenis de mesa, ás que unirán exhibicións de capoeira adaptada e boxeo pola tarde.
Na terceira e derradeira xornada, o sábado 13 de maio, desenvolverase o I Trofeo Galego DXT Adaptado, a partir das 10.30 h no Pavillón A Xunqueira.