Os folletos a cubrir para a matrícula provisional poderán recollerse a partir do luns, 22 de maio, na portería do Concello, Casa da Cultura, piscina municipal ou pavillón da Xunqueira (San Valentín)
O vindeiro 5 de xuño abre o prazo de matriculación provisional para o Verán Máis Alá 2023 de Fene
O criterio de selección para participar nesta nova edición do campus lingüístico do Concello de Fene será a situación socio-laboral das familias
19-05-2023
Volve o “Verán Máis Alá!” de Fene, campus lingüístico co que se pretende “facilitar unha alternativa de lecer educativo, na nosa lingua, á vez que se promove a conciliación da vida laboral e familiar”. O programa vai dirixido ao alumnado escolarizado en educación infantil e primaria nado entre os anos 2011 e 2019 (idades de referencia de 3 a 12 anos) e desenvolverase nas instalacións do CEIP de Centieiras do 3 ao 28 de xullo en horario de 8:00 a 14:30 h. Para participar cómpre ser veciño/a de Fene (empadroado/a en Fene) ou acreditar ter estado escolarizado/a nun centro de ensino do concello ao longo do presente curso escolar. Ademais, novamente, o criterio de selección non será o da orde de inscrición senón a situación socio-laboral das familias.
Ao igual que en edicións anteriores, estableceranse dúas quendas, a primeira do 3 ao 14 de xullo e a segunda do 17 ao 28 de xullo, podendo participar os/as rapaces/zas nas dúas ou só nunha. Ademais, novamente, dividirase en dúas franxas horarias: Madrugadores/as, de 08:00 a 10:00 horas (os nenos e as nenas poderán incorporarse, en frecuencias de media hora, ao longo desta franxa horaria) e Máis alá!, de 10:00 a 14:30 horas (os nenos e as nenas terán que incorporarse ás 10:00 h e saír a partir das 14:00 h). O número de prazas dispoñibles será de 120, o concello resérvase o dereito de reducir o número de prazas para programas de inserción.
No “Verán máis alá! 2023”, os/as rapaces/zas realizarán actividades artísticas e formativas, dende unha perspectiva lúdico-educativa, xogos cooperativos e populares, actividades pre-deportivas e deportivas, actividades acuáticas na Piscina Municipal (só na primeira quincena e durante a primeira semana), así como excursións pola contorna do centro e 1 excursión (na primeira quincena) fóra do noso concello.
Para poder participar deberase facer unha matrícula provisional e, unha vez que confirmada a matrícula definitiva, haberá que facer efectivo o pagamento da cota de inscrición. Os folletos a cubrir para a matrícula provisional poderán recollerse a partir do luns, 22 de maio, na portería do Concello, Casa da Cultura, piscina municipal ou pavillón da Xunqueira (San Valentín)
Para facer a matrícula provisional, cómpre achegar a seguinte documentación:
• Ficha para a baremación das circunstancias sociais e familiares das persoas solicitantes. Inclúe autorización expresa para que o concello comprobe que os/as menores para os que solicita a preinscrición están empadroados en Fene como mínimo dende o 2 de maio de 2023.
• Ficha dos/as participantes
• Ficha de datos médicos dos/as participantes
• Fotografía tamaño carné co nome do/a neno/a no dorso
• Copia da tarxeta sanitaria(no caso de mutualidades e outros seguros privados, fotocopia da tarxeta e do cadro de médicos e de centros de referencia na zona)
• Informe/xustificante médico asinado polo facultativo pertinente (só no suposto do que o/a neno/a precise un tratamento específico ou teña algunha doenza que haxa que ter en conta. De ser o caso, facer constar as alerxias alimentarias ou de calquera outro tipo).
Esta documentación ten que achegase do 5 ao 7 de xuño ambos inclusive do seguinte xeito:
• Preferentemente por medios telemáticos dende as 8.00 horas do 5 xuño até as 23.00 horas do 7 de xuño a través da sede electrónica municipal https://sede.fene.gal ou do Rexistro Electronico Común, https://rec.redsara.es/registro/action/are/acceso.do
• Excepcionalmente, matriculación presencial. Para acollerse a esta modalidade hai que solicitar cita previa os días 31 de maio e 1 e 2 de xuño, en horario de 9.00 a 13.00 horas, no teléfono 981 340 366. Neste caso, a matricula provisional realizarase no Departamento de Cultura (Avenida de Naturais, 44, entresollado) os días 5, 6 e 7 de xuño no día e hora (de mañá ou de tarde) que lles asigne ao solicitar a cita previa.
Ás 14.00 horas do 9 de xuño, se publicará na web a relación coa Matrícula Definitiva en Verán máis alá!
En canto ao custe, para o 1º membro da unidade familiar, todo o mes, estará a 68,15€ e, a partir do 2º membro da unidade familiar, a 36,70 €. No caso de escoller a opción dunha quincena, o custe para o 1º membro da unidade familiar será de 34,08 € e, a partir do 2º membro da unidade familiar, 18,35 €. Lembran ademais que, no caso de familias en situación de escasa capacidade económica, as tarifas poderán reducirse no 50% e mesmo acceder gratuitamente á actividade nos termos sinalados no artigo 4 da Ordenanza fiscal núm. 2.