Daniel Romero gañador, na categoría de persoas, do Premio Rosalía de Castro da Deputación
24-05-2023
O Concello de Fene, e en especial o Departamento de Cultura, ten o pracer de compartir e difundir a nova da Deputación Provincial de A Coruña, onde da a coñecer os gañadores dos Premios Rosalía de Castro da Deputación. Gañadores entre os que se atopa Daniel Romero, xestor de actividades culturais do noso Concello. Un merecido premio que nos enche de fachenda.
O xurado recoñeceu o labor das catro propostas premiadas na promoción e dignificación social do patrimonio lingüístico de Galiza, tanto no ámbito territorial da provincia como no resto do país.
Na categoría de persoa, o xurado decidiu premiar a noso compañeiro Daniel Romero, xestor de actividades culturais e de normalización lingüística no Concello de Fene, por "abrir novos camiños e innovar en diferentes ámbitos sociais e de dinamización da lingua, realizando un traballo continuado durante décadas". No seu informe, o xurado tamén salienta que "o seu exemplo, coherencia e compromiso convérteo no faro das persoas dedicadas á normalización lingüística", tras máis de 40 anos traballando tanto desde o concello como desde outras responsabilidades profesionais nesta longa traxectoria. Da súa man, o galego chegou con forza ás tecnoloxías da información e á comunicación con iniciativas en que Daniel Romero participou como Ciberlingua, galego.org ou Vieiros.