O Concello de Fene únese ao “apagón” para concienciar sobre o cambio climático

A acción convocada polo Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade no Día do Medio Ambiente encádrase no proxecto europeo People and Planet

O Concello de Fene únese ao “apagón” para concienciar sobre o cambio climático

Unha ducia de concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade únense este luns, 5 de xuño, ao apagón simbólico convocado pola entidade con motivo da conmemoración do Día Mundial do Medio Ambiente, que este ano se centra na contaminación por plásticos. Así, hoxe, a partir das 23 horas, suspenderase a iluminación pública de consistorios, prazas, torres e outros monumentos co fin de concienciar sobre o consumo de enerxía. A acción encádrase no proxecto europeo People and Planet, que implica á mocidade e aos gobernos locais na loita contra o cambio climático. No caso do Concello de Fene, o apagón afectará á Praza do alcalde Ramón José Souto González a partir das once da noite.

Aínda que en Galicia o consumo eléctrico se mantivo estable en 2021, segue a ser un tema preocupante na actualidade, polo seu impacto ecolóxico pero tamén na economía das familias, de aí que, segundo o Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, "cumpra continuar fomentando o aforro de enerxía, sen deixar de lado a visión crítica sobre os actuais sistemas de produción".

Tanto as institucións como a cidadanía poden tomar medidas neste senso, como empregar o transporte público ou a bicicleta, elixir aparellos de baixo consumo, programar unha temperatura racional nos espazos pechados, encher ben a lavadora e o lavalouza ou apagar as luces e dispositivos como o ordenador cando non os utilicemos. En xeral, consumir menos e facelo dun xeito responsable contribúe a combater a emerxencia climática e, polo tanto, a manter o quecemento global por debaixo de 1,5°C neste século, o máximo aceptable para evitar consecuencias irreversibles sobre a vida do planeta e das persoas.

O “apagón ambiental” proposto polo Fondo Galego é unha das máis de 50 actividades que se están a impulsar nos concellos socios dentro do proxecto ‘People and Planet’, que van desde accións de rúa como a comunicación de guerrilla e a performance ata obradoiros de cociña sustentable, debuxo urbano, exposicións virtuais, concursos, etc. Ademais, neste marco púxose en marcha en oito países a campaña ‘Water of the future’, co fin de situar na axenda pública a problemática da escaseza de auga a nivel global e as súas graves consecuencias, así como fomentar hábitos sostibles cos que contribuír a mitigar esta situación.

#PeopleAndPlanet
O proxecto People & Planet: un destino común ten como obxectivo concienciar as mozas e mozos europeos sobre as graves consecuencias do cambio climático para que se convertan en axentes de transformación na procura dun mundo máis sustentable. A iniciativa, que botou a andar en novembro de 2020 e que se prolongará durante catro anos, busca tamén reforzar aos gobernos municipais na promoción de políticas a prol do desenvolvemento sostible, tendo en conta a interdependencia local-global. Procúrase así contribuír a implementar a Axenda 2030, en especial o ODS 13, que chama a adoptar medidas urxentes para loitar contra o cambio climático e os seus efectos. O plan está financiado polo programa DEAR da Comisión Europea e involucra a 19 entidades de Galicia, Portugal, Alemaña, Irlanda, Italia, Polonia, Romanía, Países Baixos e Cabo Verde.