O Concello de Fene estrea o seu primeiro parque de calistenia
21-06-2023
Ubicado en Barallobre, no recinto das pistas de atletismo do Pazo, o primeiro parque de calistenia que pon en marcha a Concellería de Deportes de Fene, xa está a disposición da veciñanza. “Incentivar a realización de actividade fisica pola totalidade da pobobación nas distintas parroquias” e “poñer a disposicións da veciñanza un novo espazo no que practicar este método de adestramento físico no que se traballa co peso do corpo e que cada día gaña máis adeptos”, son os principais obxectivos que se pretenden acadar con esta nova instalación. O Concello escolleu este lugar, próximo ao instituto de Fene, como complemento tamén das instalacións xa existentes na zona, para favorecer que o alumnado teña una zona de esparcemento onde poder realizar actividade física ao aire libre nos seus tempos de lecer.
A instalación conta con dúas zonas, unha delas adaptada para persoas con discapacidade aínda que tamén poderá exercitarse nela o público en xeral. Así, en calquera dos seus circuitos -dotados con paralelas, escaleira horizontal, aneis, corda, etc- os ususarios poderán realizar flexións, abodminais, traballar a forza, facer dominadas, subir a corda e traballar diferentes partes do corpo en espaldeiras, paralelas, etc.
Segundo a Concellería de Deportes, entre os múltiples beneficios que se derivan do uso deste tipo de recintos deportivos, salienta que son espazos para o adestramento ao aire libre, o que pode ser máis gratificante que facer exercizo nun espazo pechado, a gratuidade do seu uso, a socialización e os beneficios puramente físicos xa que pode mellorar a coordinación, a flexibilidade, o equilibrio, a forza,... e todo iso sen empregar pesos adicionais, xa que a calistenia se centra nos movementos naturais do corpo coa axuda dos diferentes aparellos.
Para facilitar o seu uso, o parque contará cun panel informativo no que se indicarán os exercicios a realizar en cada unha da súas zonas, polo que poderá ser empregado tamen por persoas que nunca realizaran este tipo de exercicio con anterioridade.