Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na Rúa

Fene promociona o deporte en familia cunha nova edición do Día do Deporte na Rúa

A Concellería de Deportes de Fene anuncia para este domingo, 2 de xullo, a XXIX edición do Día do Deporte na Rúa. A xornada, que incluirá múltiples actividades deportivas e de lecer para todos os públicos, desenvolverase de 10.30 a 14.00 horas na avenida do Tarrío, rúa San Salvador e arredores do CCRD de Perlío. En caso de choiva, trasladarase ao interior do pavillón A Xunqueira de San Valentín.

Un dos grandes atractivos desta nova edición do Día do Deporte na Rúa será, sen dúbida, a tirolina xigante que se instalará durante a fin de semana -desde o sábado 1 até o luns 3 de xullo- nas inmediacións do Centro de Saúde de Fene, na Avda. do Tarrío. O horario da mesma será: o sábado, de 17.30 a 20.30 horas, o domingo, de 10.30 a 14.00 e de 17.30 a 20.30, e o luns, de 17.30 a 20.30 horas.

A maiores, o domingo pola mañá, no marco do XXIX Día do Deporte na Rúa, haberá en Perlío un circuito de karts a pedal, inchables, zumba, pilates, voleibol, equilibrismo, malabarismo, tiro con arco, slakline, fútbol, baloncesto, deportes de raqueta, xogos tradicionais galegos, pintadas, elaboración de chapas personalizadas, carreiras, obradoiros de nutrición, etc. Tamén se anuncia judo, defensa persoal, taekwondo e unha zona reservada para baile, zumba e tik-tok (baile con gravación).

Segundo informa a Concellería de Deportes, a participación en todas as actividades será de balde e, coma en edicións anteriores, as persoas que participen en tres actividades, poderán facerse cunha camiseta conmemorativa da xornada, até esgotar existencias (repartiranse 1100 camisetas).

ORGANIZA: Concello de Fene (Concellería de Deportes)

COLABORAN: Deputación da Coruña, Colexio Jorge Juan Perlío, CCRD Perlío, Amigos da chave de Ferrolterra, Escudería Scratch Fene, Club Kang, Ximnasio Fitness Fene, Club Artes Marciais Fene e familia Bértoa.

Descargas