A exposición Pacto Verde Europeo amosarase na Praza 10 de marzo durante a primeira quincena de xullo
28-06-2023
A mostra Pacto Verde Europeo do centro Europa Direct da Deputación da Coruña inicia este venres o seu terceiro verán de xira por concellos da provincia co obxectivo de “achegar á cidadanía de maneira didáctica e sinxela os obxectivos e medidas da política medioambiental e climática da Unión Europea”. A exposición pasará en primeiro lugar por Fene, amosándose do 30 de xuño ao 14 xullo na “Praza do 10 de marzo”, en San Valentín. O acto de inauguración terá lugar o vindeiro luns, 3 de xullo, ás 21.00 horas, presentándose durante o mesmo a performance “Europa Verde” con danza, acrobacias e malabares, ao son do himno europeo; así como a grabación dun vídeo. A exposición tamén ten unha dimensión interactiva con "A Aventura do Pacto Verde Europeo", un escape-room virtual destinado á infancia e mocidade, ao que se accede a través dun código QR.
A exposición Pacto Verde Europeo consta de 12 paneis en 6 expositores ecosostibles, con mensaxes clave sobre as medidas que contempla o “Pacto Verde Europeo” nas seguintes áreas: Neutralidade climática, Enerxía, Industria, Construción, Mobilidade, Da granxa á mesa, Biodiversidade e Contaminacións 0. Os Obxectivos da exposición son: dar a coñecer o Pacto Verde Europeo entre a cidadanía; transmitir a relevancia da transición ecolóxica e as propostas da Comisión Europea para lograr a neutralidade climática en 2050; dinamizar a información europea no territorio da provincia, aproximando as fontes de información europea á poboación rural; e fomentar o debate europeo no entorno rural para potenciar a súa participación activa na toma de decisións de proxecto europeo.
O Pacto Verde Europeo, presentado o 11 de decembro de 2019 pola Comisión Europea, recolle as medidas de control da polución, políticas sociais e accións contra o cambio climático, leis de sustentabilidade, redución das emisións de gas, eficiencia enerxética, economía circular e economía verde. É “a folla de ruta da Unión Europea para avanzar cara un sistema económico sostible, moderno e competitivo que sexa capaz de facer un uso eficiente dos recursos”. Como se explica de maneira accesible nos paneis, o obxectivo final é acadar a neutralidade climática no ano 2050.