Concertos e acto institucional na derradeira semana do ciclo Xullo, mes da Patria no Concello de Fene
17-07-2023
Fillas de Cassandra
Tralo éxito do espectáculo Aquí tou!, que o monologuista e actor Xosé Antonio Touriñán presentou en Fene este sábado, o ciclo “Xullo, mes da Patria” continúa esta semana cos concertos de Trikitrí e Fillas de Cassandra, o xoves 20 de xullo ás 21 horas, e Ataque Escampe e Familia Caamagno, o venres 21 de xullo ás 21 horas. O programa concluirá o sábado 22 coa lectura, ás 13 horas, da declaración institucional polo Día da Patria Galega e cun concerto ás 21 horas de Airiños de Fene e da Banda de Gaitas de Ortigueira. Todas as actividades serán -con entrada libre e de balde- na praza do alcalde Ramón José Souto González, agás o acto institucional que se fará, coma sempre, a carón do monumento Día da Patria Galega, no parque liñal do río Cádavo.
A primeira cita da semana será o xoves 20 de xullo, ás 21 horas, con Trikitrí e Fillas de Cassandra. Trikitrí é un grupo formado por catro músicos veciños de Fene (Óscar Alfonso, Alberto Maceiras, Óscar Painceiras e Alberto Romero) cunha longa bagaxe en grupos de música tradicional, folk e outros estilos na comarca de Ferrolterra. O seu estilo e repertorio vén influenciado polo son da trikitixa, o acordeón diatónico vasco, ao que se unen unha curiosa mestura de instrumentos como a gaita electrónica, a guitarra acústica e o caixón xunto outras percusións. En 2022 Trikitrí foi o grupo gañador da edición que fora cancelada de 2021 do “Proxecto Runas”, do Festival Internacional do Mundo Celta de Ortigueira.
Pola súa banda, Fillas de Cassandra son María Pérez (voz, percursión e piano) e Sara Faro (voz e percusión). Xuntas dan forma a un dos proxectos da nova música emerxente máis prometedor do panorama galego. A súa é unha aposta pola recuperación das melodías tradicionais e a creación de novas líricas, inspiradas no canto de tradición oral, pero tamén influenciadas polo pop, a electrónica e a música clásica. O espectáculo que traen a Fene, Acrópole, xorde do seu primeiro disco e bebe do teatro, “convidando ao público a ser parte dunha viaxe ao longo da historia, da man dos nomes das heroínas que rescatan da mitoloxía clásica e cos que pretenden estabelecer un diálogo, recoñecendo as súas vivencias presentes como mulleres nas das súas devanceiras”.
O venres 21 de xullo, ás 21 horas, será o segundo dos grandes concertos do ciclo Xullo, mes da Patria deste ano. Nesta ocasión, subirán ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González os grupos Ataque Escampe e Familia Caamagno. O primeiro ofrecerá un concerto pertencente á xira presentación de “Cabalgata” o seu novo e esperado LP. Nel manteñen o coidado dunhas letras que poñen en primeiro plano a tenrura ou a vulnerabilidade humana diante do desacougo do mundo de arredor (como adiantou o sinxelo “Lamborghini”, “agora hai que quererse máis que nunca”).
En canto a Familia Caamagno, na súa cita en Fene presentará o seu último disco, “O mundo está derrotado”, un traballo nostálxico, cómico e político a partes iguais. Un disco que nace froito dunha situación excepcional, e que mira cunha risa nerviosa todas esas noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos.
O ciclo Xullo, mes da Patria pechará o sábado 22 de xullo cun programa que arrincará ás 13 horas no parque liñal do río Cádavo, coa lectura da Declaración Institucional polo Día da Patria a cargo da exconcelleira e exdeputada provincial Ana Santiago. Tras abandonar a súa actividade política, esta veciña de Fene volcouse no movemento asociativo e sociocultural do seu concello, presidindo na actualidade a AVV de Limodre e formando parte do Tradicoro de Airiños de Fene. E logo pola noite, ás 21 horas, actuarán a carón da Casa do Concello as bandas de gaitas Airiños de Fene e Banda de Gaitas de Ortigueira.