Concertos de Ataque Escampe e Familia Caamagno na Praza do alcalde Ramón J. Souto González
20-07-2023
Este venres 21 de xullo, ás 21 horas, será o segundo dos grandes concertos do ciclo Xullo, mes da Patria deste ano. Tralo paso por Fene de Trikitrí e Fillas de Cassandra (xoves 20 ás 21 horas) nesta ocasión subirán ao escenario da praza do alcalde Ramón José Souto González os grupos Ataque Escampe e Familia Caamagno. Entrada libre e de balde. Organiza: Concellería de Cultura coa colaboración da Deputación da Coruña (Rede Cultural).
Na súa cita deste venres, Ataque Escampe ofrecerá un concerto pertencente á xira presentación de “Cabalgata” o seu novo e esperado LP. Nel manteñen o coidado dunhas letras que poñen en primeiro plano a tenrura ou a vulnerabilidade humana diante do desacougo do mundo de arredor (como adiantou o sinxelo “Lamborghini”, “agora hai que quererse máis que nunca”).
En canto a Familia Caamagno, o grupo de Oroso presentará o seu último disco, “O mundo está derrotado”, un traballo nostálxico, cómico e político a partes iguais. Un disco que nace froito dunha situación excepcional, e que mira cunha risa nerviosa todas esas noticias de inflacións, guerras e cambios climáticos.