Axudas do Bonobús Universitario 2023-24
05-09-2023
A Concellería de Cultura do Concello de Fene ven de informar que nos vindeiros días publicarase no Boletín Oficial da Provincia (BOP) as bases da convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes universitarios e de formación profesional que cursen estudos en centros públicos da cidade da Coruña durante o curso 2023.
O programa, que como novidade este ano incorpora a axuda tamén aos estudantes de formación profesional en centros públicos da cidade da Coruña, ten como obxectivo “facilitar o desprazamento diario de luns a venres no traxecto Fene-A Coruña-Fene para o estudantado fenés universitario e de FP durante o curso 2023-2024”. Para información ou consultas relacionadas coa subvención do Bonobús, a veciñanza pode chamar ao teléfono 981 340 366 ou contactar no mail cultura.deportes@fene.gal.
As solicitudes formalizaranse no modelo de solicitude establecido (que se pode descargar desta nova) e presentarase no Rexistro Xeral do Concello por vía telemática ou por vía presencial en días laborables, de luns a venres, en horario de 08.30 a 14.00 horas. O prazo para entregar as solicitudes para o servizo de transporte e para a axuda económica será de 10 días naturais contados a partir do seguinte á publicación do extracto da convocatoria no BOP. Publicación que sairá nos vindeiros días e da que informaremos a través deste mesmo medio.
A convocatoria de subvencións ao transporte de estudantes do Concello de Fene vai dirixida ao estudantado que estea empadroado/a e teña residencia efectiva no Concello de Fene como mínimo dende o 1 de xuño de 2023 e que curse estudios universitarios e de FP para os que sexa preciso desprazarse diariamente até a cidade da Coruña.
O Concello de Fene destina un total de 7.500 € para financiar o programa. As subvencións concedidas variarán en función do número de beneficiarios/as finais do acordo, oscilando entre o 100% do custo do bonobus para un máximo de 16 beneficiarios/as e un 30 % do custo no suposto de que haxa entre 31 e 55 beneficiarios/as.